Escoitar

O alcalde anuncia o inicio da "segunda tacada das grandes humanizacións de Vigo", con 9,5 millóns de inversión

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres os pregos de condicións para executar as humanizacións da Travesía de Vigo -entre Numancia e Urzáiz-, da segunda fase de POVISA -as rúas Regueiro e Tarragona-, Escultor Gregorio Fernández e Manuel Álvarez; melloras que suman en total 9,5 millóns de euros de investimento en novas humanizacións.

venres, 25 set 2009
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este venres o inicio da "segunda tacada das grandes humanizacións de Vigo"; 9,5 millóns de euros para a cuarta fase da Travesía de Vigo, a segunda do entorno de POVISA, Escultor Gregorio Fernández e Manuel Álvarez.

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres os pregos de condicións destes proxectos, o que significa o inicio da licitación das humanizacións da Travesía -entre Numancia e Urzáiz- e das rúas Regueiro e Tarragona -a segunda fase de POVISA-, Escultor Gregorio Fernández e Manuel Álvarez. A Travesía e o entorno de POVISA serán financiadas en base aos orzamentos municipais de 2009 e as dúas últimas, conveniadas coa Xunta de Galicia.

Así, e segundo detallou Abel Caballero, a cuarta fase da Travesía conta con dous millóns de euros de orzamento e seis meses de execucion; a segunda de POVISA, 1,2 millóns de euros e tres meses de prazo; Escultor Gregorio Fernández representa 1,1 millón de euros e cinco meses de traballos; e Manuel Álvarez leva a maior inversión (5,2 millóns de euros) e o seu prazo de execución ascende aos 15 meses.

O alcalde xa adiantou que estes investimentos terán continuidade cunha nova "tacada de humanizacións" para continuar co "proceso de humanización masivo" de toda a cidade, con 140 rúas xa en marcha na primeira parte, segundo citou Abel Caballero. Os seguintes pasos serán as humanizacións do rural, o futuro Plan E de 2010 e os propios orzamentos municipais do próximo ano.