Escoitar

Santi Domínguez alerta do perigo das drogodependencias na inauguración do programa escolar "Eu son eu"

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, alertou aos escolares de 6º de Primaria do CEIP Pintor Laxeiro do perigo que supoñen as drogas durante a inauguración do programa "Eu son eu". No acto, no que tamén participou a concelleira de Benestar Social, María Méndez, e responsables da asociación Érguete, o tenente de alcalde asegurou que "hai tantas cousas boas que se poden facer que é unha estupidez caer no mundo das drogas".

venres, 25 set 2009
1253882409eusoneu.jpg
Na súa intervención, Santi Domínguez explicou aos alumnos e alumnas que Érguete é unha asociación que traballa con persoas que caíron nas drogas, polo que será esta entidade a encargada de impartir o programa "Eu son eu". Asemade, o tenente de alcalde compartiu cos estudantes a primeira ficha do obradoiro, na que lles indicou que a súa profesión é a de mestre e que daba clase a rapaces de 1º e 2º da ESO. "Agora estou na política, pero algún día volverei a un cole", asegurou.

"Na vida é moi importante que cada quen saiba recoñecer os seus erros", explicou a respecto da primeira unidade coa que van traballar. Asegurou tamén que o labor das administracións públicas ten ser o de traballar en colaboración cos distintos colectivos na prevención das drogodependencias.

A concelleira de Benestar Social, pola súa banda, destacou os obxectivos de "Eu son eu". En primeiro lugar explicou que na elaboración do programa primou a necesidade de "aprender hábitos saudabeis xa dende pequenos". Neste sentido lembrou que como médica unha das facetas que máis lle gustaban da súa profesión era precisamente "explicarlle á xente o que debía facer para ter unha vida máis saudable, como facer deporte e ter unhas comidas máis nutritivas".

María Méndez sinalou que o obxectivo desta iniciativa, que se desenvolverá nunha sesión semanal ao longo dun trimestre, consiste tamén no fortalecemento da personalidade individual ante a presión do grupo mediante xogos e actividades participativas. A concelleira nacionalista sinalou que tras a experiencia no CEIP Pintor Laxeiro, o programa se estenderá a outros centros de ensino da cidade "porque temos que afondar no tema da prevención".
Descargar todas as imaxes