Escoitar

Santi Domínguez destaca que 28 dependencias municipais serán accesibles para toda a cidadanía antes de fin de ano

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este xoves que un total de 28 dependencias municipais serán accesibles para toda a cidadanía antes de finais de ano, co investimento de 2.135.549 euros para a eliminación de barreiras arquitectónicas. Na visita realizada hoxe á piscina e o pavillón do Carme para comprobar o estado das obras, ademais do tenente de alcalde tamén participaron a concelleira de Benestar Social, María Méndez, o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, o presidente de Cogami, Anxo Queiruga, o presidente do club Amfiv Pablo Beiro, e diversos representantes do Consello Local de Accesibilidade, así como as arquitectas encargadas do proxecto.

xoves, 24 set 2009
1253795988barreirasarquitectonicas.jpg
O tenente de alcalde lembrou o "compromiso claro" do BNG con esta cidade na loita pola igualdade de opotunidades, da que ao seu xuízo é exemplo "o compromiso de que ningunha obra nova deixe de ser accesible", así como as actuacións que se están levando a cabo nas instalacións deportivas, nos mercados, na Xerencia de Urbanismo, o zoolóxico, o Centro de Emerxencia de Mulleres, Cedro, as Ubas e a Casa das Mulleres. "Ningunha outra cidade ten investido tanto do Plan E para eliminar as barreiras arquitectónicas como Vigo", destacou.

Segundo Santi Domínguez, estas actuacións son "moi importantes para o mundo dos dependentes" e comentou a súa "desazón" ao comprobar en multitude de ocasións como as persoas con mobilidade reducida non podían acceder as gradas das instalacións deportivas como o resto dos afeccionados e afeccionadas, "tendo que quedarse a pé de pista". Para o tenente de alcalde, este plan de accesibilidade non se trata só dun investimento para o ámbito da mobilidade, senón tamén para o deporte vigués. "Isto é unha débeda que a cidade tiña co deporte e coa accesibilidade e ao mesmo tempo o cumprimento do noso compromiso", afirmou.

"Pero isto non acaba aquí, porque todas as áreas coordinadas por Tenencia de Alcaldía están xa preparando un proxecto para estender a accesibilidade a outros espazos municipais", anunciou o nacionalista. Neste sentido tamén adiantou que o vindeiro ano Tenencia de Alcaldía habilitará unha liña telefónica para que todos os cidadáns e cidadás poidan trasladar as eibas que atopen na cidade en materia de accesibilidade.

Na súa intervención, Santi Domínguez agradeceu especialmente a presenza do presidente de Cogami, xa que esta asociación colabora na supervisión das obras. Felicitou tamén á concelleira de Benestar Social, "porque tiña moi claro que boa parte do investimento do Plan E tiña que destinarse á eliminación das barreiras arquitectónicas", e ao concelleiro de Deportes, "pola súa participación na coordinación das obras".

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, explicou que as obras, que comezaron no mes de abril, foron aprobadas polo Consello Local de Accesibilidade. Na súa intervención destacou o obxectivo de que a sensibilización respecto á eliminación das barreiras arquitectónicas "chegue a toda a poboación". O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, afirmou que para o deporte "este é un paso importante". "Calquera deportista sane que a posibilidade de que calquera persoa poida acceder ás instalacións é fundamental", destacou.

Respecto ás obras que se están acometendo na piscina do Carme, as arquitectas encargadas do proxecto explicaron que se está levando a cabo o "itinerario horizontal adaptado para que calquera persoa con mobilidade reducida poida acceder ao vaso da piscina e aos baños e aos vestiarios sen barreiras". Asemade, salientaron que o "itinerario vertical resolveuse coa instalación dun elevador, para que as persoas con mobilidade reducida poidan acceder ás gradas". Respecto á adaptación de vestiarios e baños de homes e mulleres, destacaron que todos os accesorios, como barandillas, pulsadores e barras "están adaptados segundo o protocolo de medidas", mentres que as portas colocadas son corredeiras, coas medidas tamén adaptadas. Finalmente sinalaron que outra das novidades incorporadas se refire á instalación dun "box terceiro sexo" para que poida ser utilizado polos acompañantes.

O presidente de Cogami, Anxo Queiruga, destacou a importancia de que se invistan máis de 2 millóns de euros en accesibilidade "para facer unha sociedade na que a igualdadede de oportunidades sexa real". Queiruga subliñou que a eliminación de barreiras arquitectónicas "permite a eliminación doutras barreiras, como son as sociais, facendo visibles as persoas con discapacidade. Isto enriquece á sociedade". "Dende Cogami quero expresar os parabéns ao Concello de Vigo, e en especial á Tenencia de Alcaldía e ás concellerías de Benestar Social e Deportes", salientou. Asemade destacou o feito de que as obras conten con asesoramento de persoas con discapacidade, "porque coñecemos de primeira man as dificultades que nos atopamos para desenvolven a nosa vida cotiá con autonomía".

Pola súa banda, Pablo Beiro, sinalou que "hoxe é un día moi feliz, porque despois de 27 anos como presidente do Amfiv acadamos a plena integración das persoas de mobilidade reducida no deporte". Expresou tamén o seu agradecemento a Tenencia de Alcaldía e as Concellerías de Benestar Social e Deportes polo "gran apoio que prestan e a colaboración para integrarnos na sociedade". Pablo Beiro afirmou que os discapacitados físicos de Vigo "teñen que estar moi contentos polo que acabamos de acadar".
Descargar todas as imaxes