Escoitar

Benestar Social e Érguete poñen en marcha o programa escolar "Eu son eu" de prevención das drogodependencias

A concellería de Benestar Social, en colaboración coa asociación Érguete, porá en marcha o programa preventivo "Eu son eu", dirixido a alumnos e alumnas de 6º de Primaria. O obxectivo da iniciativa, que se desenvolverá nunha sesión semanal ao longo dun trimestre, consiste no fortalecemento da personalidade individual ante a presión do grupo.

mércores, 23 set 2009
O proxecto "Eu son eu" enmárcase nas accións preventivas que está a levar a cabo o equipo de prevención de drogodependencias do Concello de Vigo nos distintos centros escolares da cidade. A través desta iniciativa, os profesionais de Érguete tratarán de inculcar aos estudantes a capacidade de dicir "non" para evitar adentrarse no mundo da drogadicción. A primeira sesión do programa terá lugar o vindeiro venres, 25 de setembro, no CEIP Pintor Laxeiro.

Mediante o desenvolvemento de dinámicas de grupo, o programa "Eu son eu" buscará a autoafirmación dos participantes e a autoanálise que lles facilite a posta en práctica de hábitos saudabeis. No programa tamén teñen un papel importante as familias, xa que unha vez rematadas as sesións ordinarias se celebrará unha sesión especial de clausura con nais, pais e titores. Nela, os profesionais encargados do programa e o equipo de orientación escolar do centro valorarán o resultado do traballo realizado.