Escoitar

Santi Dominguez anuncia a adquisición da Casa do Patín no marco da rehabilitación do barrio de Bouzas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este mércores que está a piques de pecharse a adquisición da emblemática Casa do Patín no marco da rehabilitación do barrio de Bouzas. O concelleiro avanzouno no trancurso dunha visita que realizou a dúas das vivendas ubicadas na praza de Diego Santos e na rúa Ferreiros que contan cun proxecto de rehabilitación, e na que tamén participou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez.

mércores, 23 set 2009
1253712021casadopatin.jpg
"Bouzas é un barrio moi importante para todos os vigueses e viguesas e á rehabilitación da Praza de Diego Santos unirase o vindeiro ano a actuación na praza Cruceiro Vello", salientou o tenente de alcalde. O tenente de alcalde avanzou que esta aposta por recuperar o casco histórico de Bouzas inclúe a adquisición da Casa do Patín, "que se destinará a a equipamento sociocultural do barrio, dando resposta así a unha vella demanda da veciñanza". Ao respecto sinalou que as negociacións están "practicamente pechadas".

No tocante á vivenda situada en Diego Santos 3, sinalou que se trata dunha "edificación emblemática", en especial polo seu torreón. A rehabilitación consistirá na limpeza da pedra, a reposición de carpinterías de madeira para adaptar a súa estética ao PEPRI de Bouzas, así como o cambio de cuberta do edificio e melloras no aillamento.

Respecto á segunda edificación visitada, en Ferreiros 2, Santi Domínguez indicou que neste caso se eliminarán as carpinterías de aluminio e reixas para adaptar a vivenda ás condicións estéticas do PEPRI, así como o cambio na cuberta e melloras no aillamento. Destacou que nestes dous inmobles investirase un total de 60.000 euros e que a súa mellora se completará coa humanización da praza. "Aproveitamos a visita para falar con representantes da asociación veciñal e comunicarlles que a humanización da Praza de Diego Santos se incluirá nos orzamentos do vindeiro ano", explicou.

Asemade Santi Domínguez destacou que no vindeiro exercicio "seguiremos incrementando as axudas para a recuperación das fachadas e das cubertas porque seguiremos apostando por este barrio de Bouzas". Segundo o tenente de alcalde, trátase dunha "vila emblemática ao pé do mar á que lle ten roubado a súa máxima riqueza que é, precisamente, o mar; polo que as administracións temos que comprometernos co barrio".
Descargar todas as imaxes