Escoitar

Xabier Alonso anuncia que a Copa Galicia será un novo acto do 40 aniversario do Celta feminino e que haberá máis

A XVII Copa Galicia de baloncesto feminino, que se xogará este venres e sábado no pavillón de Bouzas, foi presentada hoxe na Fundación VIDE polo concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Paco Martín, acompañados polo vicepresidente do Celta Indepo, club organizador, Felipe Carrascosa.

martes, 22 set 2009
1253624439copagalicia.jpg
O Campionato Galego, que por cuarta vez se xoga en Vigo dende que comezou no ano 1988, reunirá ao Celta Indepo, favorito e único equipo galego de Liga Feminina, Pío XII de Santiago, Arxil de Pontevedra e Durán Maquinaria Ensino de Lugo, todos eles de Liga Feminina 2. Segundo explicou o presidente da FGB, este é "o principal torneo que se pode realizar en Galicia e nesta ocasión a organización foi para un club da soleira do Celta". Para o reitor do baloncesto galego, que a Copa Galicia se xogue en Vigo "é unha homenaxe a todos aqueles que iniciaron as primeiras etapas e aos que consolidaron este club, que se di pronto que leve 40 anos de existencia". Martín amosouse "satisfeito" de que se xogue nun pavillón "coqueto" como o de Bouzas.

Pola súa banda, Xabier Alonso sinalou que este evento "é un punto importante dentro do calendario de celebracións polo 40 aniversario", e anunciou que os actos a prol do Celta Indepo continuarán co XV Trofeo Cidade de Vigo (1 de outubro, diante do Perfumerías Avenida, subcampeón de Europa), o Memorial Carballo-Camilo (8 de decembro), diante dun equipo estranxeiro, e unha exposición de recordos e trofeos nas Travesas, tamén en decembro. Actos todos eles que apoian a Concellería de Deportes e a Fundación VIDE.

Felipe Carrascosa, vicepresidente do Celta Indepo, agradeceu á Federación Galega o apoio para que a Copa Galicia viñese a Vigo e reivindicou "a importancia da Copa Galicia para o baloncesto feminino galego". Pilar Valero, como capitá do conxunto celeste, fixo votos para que o equipo céltico reteña o título.

O venres xóganse as semifinais ás 17.45 horas (Ensino-Pío XII) e 20.00 horas (Celta Indepo-Arxil). O sábado, ás 17.30 horas, a gran final, tamén en Bouzas.
Descargar todas as imaxes