Escoitar

A executiva do Vigo Convention Bureau acorda convocar un concurso aberto para elixir xerente e imaxe corporativa

O tenente de alcalde e presidente do comité executivo da Fundación Vigo Convention Bureau, Santi Domínguez, anunciou este venres que a primeira xuntanza deste comité executivo acordou convocar un concurso aberto para a elección de xerente e da imaxe corporativa da entidade. Tras a reunión o concelleiro subliñou que estes dous acordos "son importantes porque van permitir iniciar xa o traballo da Fundación"

venres, 25 set 2009
1253882631bureau.jpg
Na reunión participaron os representantes da Cámara de Comercio, CEP e Caixanova, mentras que excusou a súa presenza o representante da Universidade. Ao seu remate o tenente de alcalde expresou a satisfacción da executiva por estes acordos porque "a demanda do sector turístico é unha realidade". Respecto á convocatoria do concurso aberto para a elección de xerente, sinalou que a apertura do proceso se abrirá a vindeira semana, de xeito que as persoas aspirantes terán de prazo quince días para presentar o seu currículo. Explicou que o perfil solicitado é o dunha persoa licenciada ou técnica en turismo, coñecemento de idiomas e experiencia profesional na organización de grandes eventos e/ou congresos.

Segundo sinalou Santi Domínguez, unha vez rematado o prazo, o comité executivo "elaborará unha primeira selección de xeitos que as persoas seleccionadas terán que pasar unha entrevista persoal, para facer unha proposta ao patronato". Ao seu xuízo a elección de xerente é "tremendamente importante xa que será a persoa encargada de presentar o plan estratéxico para 2010, así como os orzamentos"

No tocante ao concurso aberto para a elección da imaxe corporativa da Fundación, o nacionalista indicou que o prazo será tamén de quince días para a presentación dos proxectos por parte das empresas de imaxe. Tras o remate deste prazo, o comité executivo seleccionará unha proposta "que será trasladada ao patronato para a súa aprobación". Salientou tamén a importancia de contar canto antes coa imaxe corporativa "porque hai accións que queremos empezar a facer". Ao respecto mencionou a a participación na Feira Internacional de Congresos de Barcelona, "a cita internacional máis importante de congresos que se celebra a nivel mundial".

Finalmente, o presidente do comité executivo da Fundación anunciou que este organismo ten previsto convidar a unha primeira xuntanza aos dirixentes do Spain Convention Bureau, xa que este é o "máximo organismo de decisión ao que se dirixen os empresarios para organizar eventos".
Descargar todas as imaxes