Escoitar

Santi Domínguez destaca que o Arquivo Pacheco edita "Marcas de luz" tras a súa apertura ao público en xullo

O Arquivo Pacheco edita a obra "Marca de luz" tres semanas despois de que a súa apertura ao público fóra unha realidade, segundo salientou este venres o tenente de alcalde, Santi Domínguez, na súa presentación, na que tamén participou o concelleiro de Cultura, Xesus López, o actual director do arquivo, Vítor Vaqueiro, e o director anterior, Lois Cea. Trátase dun volume de retratos integrado por máis de 300 fotografías, que sae cunha tirada de 1.000 exemplares e que poderá adquirirse a un "prezo popular" de 22.50 euros na Casa das Artes, nos museos Verbum e Quiñones de León.

venres, 14 ago 2009
1250255861luz.jpg
O tenente de alcalde destacou o esforzo que ten suposto abrir ao público este arquivo, xa que segundo lembrou "estaba pechado cando chegamos ao goberno municipal, xa que o anterior responsable de Cultura iniciara a súa desmantelación". "Coa súa apertura damos resposta a unha vella demanda da cidade, que reclamaba que este tesouro non se perdera", salientou Santi Domínguez na súa intervención, quen ademais subliñou o traballo desenvolvido tanto polo director actual do arquivo, Vítor Vaqueiro, como polo anterior, Lois Cea, no proceso de dixitalización das imaxes e na edición do volume que hoxe sae á venda.

O concelleiro de Cultura, Xesus López, fixo fincapé na posta en valor do arquivo, que levou a desenvolver o traballo en fases, dende a dotación de persoal e a elaboración do plan director ata a apertura do mesmo aos investigadores e a posterior apertura ao público en xeral. "Paralelamente, a finais do ano pasado editamos a axenda fotográfica que recolle retratos de mulleres e que dará lugar a unha exposición a finais deste ano", anunciou o edil do BNG.

Tanto o tenente de alcalde como o concelleiro de Cultura salientaron o prezo final da obra, 22.50 euros, xa que o concello "subvenciona o 50% para que sexa asequible a toda a cidadanía". "Marcas de luz quere ser a primeira dunha longa lista de publicacións do Arquivo Pacheco", afirmou Xesus López.
Descargar todas as imaxes