Escoitar

As invitacións para asistir ás visitas teatralizadas do museo de Castrelos están xa esgotadas

As invitacións para asistir ás visitas teatralizadas "Misterio no museo" os vindeiros días 19, 20 e 21 de agosto, están xa esgotadas, segundo anunciou este mércores o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez. Ao respecto, o edil do BNG salientou que en só dúas horas, en concreto de 8.30 a 10.30 horas, repartíronse as 150 entradas postas a disposición do público.

mércores, 12 ago 2009
"Trátase dun completo éxito desta iniciativa, o cal nos anima a darlle continuidade o ano que vén", destacou o concelleiro de Patrimonio Histórico. Eudosio Álvarez sinalou que este proxecto é unha forma de facer atractivos os contidos do museo e así "achegar a cultura e o noso patrimonio a toda a cidadanía".

Esta e outras iniciativas xa existen nos museos máis prestixiosos do mundo. Por exemplo, para recuperar visitantes tras a crise da gripe A, o Museo Nacional de Arte (Munal) da Cidade de México, recurríu á telenovela "Mañana es para siempre", ás 21 horas (de máxima audiencia). Así, nun capítulo da mesma os actores visitaron o museo e contaron a información que sobre o mesmo se pode atopar nos folletos que se reparten ao público. "Tomando como punto de partida unha idea semellante, nós propoñemos unha historia interpretada pola compañía "Cada día peor" que enganchará aos visitantes para darlles a coñecer o museo da cidade", explicou o edil nacionalista.