Escoitar

O Maratón Fotográfico de Vigo, que terá lugar o domingo 9 de agosto, ten xa máis de cen inscritos

O Maratón Fotográfico de Vigo, que terá lugar o domingo 9 de agosto, xa conta con máis de cen inscritos a falta de tres días para o peche da preinscrición. Un ano máis, a Agrupación Fotográfica Galega é a responsable da organización da XIV edición do marathón, que está incluida no programa de actos da Semana Grande das Festas de Verán 2009.

xoves, 6 ago 2009
As once da mañá do día 9 de agosto na Praza da Estrela darase a saída ao maratón e informarase as e aos participantes dos catro temas sobre os que versará o concurso, dous no control de saída e outros dous no control da tarde. A imaxinación é precisamente un dos aspectos que máis valora o xurado, xa que os participantes terán que improvisar e intentar plasmar nas súas fotografías os temas propostos.

Dúas son as posibilidades de participación: categoría analóxica para os que utilizan carretes de película e categoría dixital (maioritaria, nestes momentos). Todos os participantes deberán fotografíar os catro temas propostos e entregar antes das doce da noite un CD coas catro fotos que consideren mellores e máis orixinais ou no caso dos participantes en categoría analógica entregar o carrete completo para que sexa a organización e o xurado de selección que faga o traballo de procesado e posterior selección.

O xurado seleccionará as mellores 25 series coas que se realizará unha exposición e na que un segundo xurado votará as series gañadoras que, en total, percibirán máis de 2.000 euros. Ata o momento da inauguración da exposición tanto os nomes dos seleccionados como dos premiados non serán coñecidos.

Inscrición
A inscrición pode facerse na Agrupación Fotográfica Galega (Rúa Uruguai 17, entreplanta) os días 6 e 7 de agosto (entre as 19 e 21 horas) ou ben o mesmo día do maratón na Praza da Estrela entre as 10 e as 10:45 horas. Tamén se poderá facer unha preinscrición vía correo electrónico na seguinte dirección: agrupaciónfotográficagalega@gmail.com, que despois se formaliza co pagamento da cota (5 euros) no punto de saída.