Escoitar

"O Marisquiño" celebrarase os días 8 e 9 de agosto coa novidade do descenso urbano de mountain bike

A novena edición de "O Marisquiño", que terá lugar os días 8 e 9 de agosto na chaira do Náutico de Vigo, introducirá novidades para seguir medrando e chegar a máis xente, segundo subliñou na presentación a concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso. Se o ano pasado alcanzaron os 30.000 espectadores e 450 participantes, na edición deste ano xa contan con 700 participantes e esperan superar o número de espectadores.

mércores, 5 ago 2009
1249476260marisqui.JPG
O Marisquño é un evento global de acceso gratuíto que escenifica a cultura de lecer e entretemento do mozo urbán actual a través de diferentes variables. Así, haberá deportes (skete, bmx, montain bike urbano, break dance), cultura e arte (música, graffiti, street Art), exhibicións deportivas (wakeboard, parkour) e novas tecnoloxías (televisión on line, bluetooth e codigo BIDI). Ademais, da concelleira de Xuventude, na presentación do evento participaron tamén o organizador Carlos Domínguez, "Pity"; o promotor de Sweet Nocturna, David Lago, "Tibe"; o responsable do descenso urbano de mountain bike, Guillermo Janeiro, e representantes dos patrocinadores privados, Estrella Galicia e Pereira.

A concelleira destacou o gran crecemento deste evento ano a ano: "Recordo que este evento comezou como unha xuntanza de skate e pouco a pouco fóronse engadindo outras manifestacións deportivas, artísticas e culturais. Tanto na nosa cidade como alén das nosas fronteiras, xa que hai participantes esperando coñecer o calendario do Marisquiño para encaixalo na súa axenda".

Pola súa banda, "Pity" agradeceu o apoio de Tenencia de Alcaldía, Cultura e Animación Sociocultura, Deportes e Xuventude, así como dos patrocinadores privados, porque ao ser un evento gratuíto sen a súa axuda sería imposible organizalo". O lema desta edición é: "Máis rápido, máis alto, máis forte", en opinión do responsable da organización: "Unha definición perfecta do Marisquiño".

O organizador destacou as novidades que están a introducir ano a ano: "Utilizamos a televisión on-line, informamos dos resultados a todos os asistentes ao evento por "bluetooth" e este ano introducimos o código BIDI, que permite conectar coa páxina web do marisquiño a través do móbil". Ademais Pity quixo recordar que "é o único evento deste tipo, onde o habitual é a comida rápida, se come marisco".

Pola súa banda, Guillermo Janeiro explicou que o descenso urbano en montain bike era un reto no que estaban pensando dende hai anos pero que non atopaban o momento para emprendelo e "cando Pity se puxo en contacto con nós, atopamos a excusa perfecta. Vai ser un percorrido dun quilómetro e contaremos con figuras do montain bike como David Vázquez, Eva Castro e, por suposto, os mellores deportistas gallegos". Do aspecto musical falou Tibe, quen destacou que "este ano queremos superar o éxito do anterior, igual que sucede no resto dos apartados. Virá Mala Rodríguez, a mellor cantante do momento de hip-hop, e tamén daremos cabida a Slowlee, un grupo galego".
Descargar todas as imaxes