Escoitar

Xabier Alonso asegura que a "boa organización" levará a regata Rías Baixas "ao número 1 das probas estatais"

A Regata Rías Baixas disputarase este ano dende o 14 ao 18 deste mes nas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa. Organizada polo Real Club Náutico, a proba foi presentada no Corte Inglés, que é un dos patrocinadores da competición decana das regatas estatais.

xoves, 6 ago 2009
1249563194regata.jpg
Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, destacou da Rías Baixas Martín Códax-Gran Premio Portos de Galicia que "na regata únense tres conceptos craves: natureza, saúde e deporte". Segundo explicou, a competición "discorre por un marco que non ten parangón, as rías", o que ademais supón un complemento engadido de promoción turística; ademais, felicitou ás firmas privadas (Martín Códax, El Corte Inglés, Toyota...) polo seu apoio ao deporte, e confirmou que "cando unha proba leva 46 edicións é que hai detrás unha organización moi potente como a do Náutico". Por iso está certo de que "antes do 50 aniversario (2013), a regata xa será a mellor de España".

E é que tanto Franco Cobas, presidente do Náutico, como Manuel Pedro Seoane, secretario xeral da regata, ou Pablo Buján, director comercial das adegas Martín Códax, marcáronse un reto a medio prazo: "que a regata, agora a terceira de España trala Copa do Rei (en Palma) e a Copa da Raíña (en Valencia), sexa a primeira".

Para esta edición hai 110 barcos inscritos, co que mantén o nivel de cada ano a pesares da crise. O "Castrosua", de Guillermo Alonso, que gañou a edición do 2008, o "Ourense", de Luis Pérez Canal, ou o "Phoenix", recente vencedor da regata Costa Vasca, figuran entre os favoritos de esta serie de cinco etapas (Vigo-O Grove, O Grove-Ribeira-A Pobra, A Pobra-A Pobra, A Pobra-Sanxenxo, Sanxenxo-Vigo) para cruceiros ORC que estarán agrupados en catro categorías, regata, regata-cruceiro, cruceiro-regata e cruceiro.
Descargar todas as imaxes