Escoitar

Vigo e Lorient desenvolverán actuacións turísticas e empresariais conxuntas para afondar no irmanamento das dúas cidades

O tenente de alcade de Vigo, Santi Domínguez, e o alcalde de Lorient, Norbert Metairie, reafirmaron hoxe a súa vontade de afondar no irmanamento entre as dúas cidades, segundo aseguraron tras a xuntanza que mantiveron esta mañá no Concello da cidade bretona, na que tamén participou o concelleiro de Cultura, Xesus López. O tenente de alcalde explicou que este afondamento no irmanamento se concretará en actuación conxuntas en materia de turismo, economía, cultura, deportes e educación.

xoves, 6 ago 2009
1249564402santi.jpg
"O concelleiro de Cultura e eu mesmo como tenente de alcalde mantivemos distintas xuntanzas de traballo cos responsables municipais de Lorient co obxectivo de poñer en marcha iniciativas para reforzar os lazos que dende hai anos unen a estas dúas cidades e que estaban sen desenvolver", explicou Santi Domínguez. Neste sentido, o nacionalista salientou que no eido do turismo poranse en marcha campañas de promoción de Vigo na cidade francesa e viceversa, ofrecendo paquetes que contemplen a oportunidade de viaxar para visitar e coñecer Vigo e a súa área de influencia.

Segundo salientou o tenente de alcalde, "traballarase tamén para organizar xornadas de intercambio empresarial tendo en conta que hai sectores da economía da cidade bretona moi similares aos vigueses". Neste sentido, Santi Domínguez indicou que se establecerán "estratexias comúns de cara ao fortalecemento do chamado Eixo Atlántico". Respecto ao ámbito da educación, potenciaranse os intercambios de escolares vigueses cos de Lorient, "como medida para fomentar a interrelación cultural entre os mozos e as mozas", apuntou o tenente de alcalde.

Asemade, propiciaraseo intercambio de grupos musicaciais e artistas das dúas cidades, "co obxectivo de amosar as nosas potencialidades neste campo e coñecer as da cidade irmanada". No eido deportivo organizaranse actividades conxutnas relacionadas fundamentalmente cos deportes do mar.

Santi Domínguez salientou que na xuntanza se puxo de manifesto o interés por parte do goberno de Lorient de "afondar e concretar estas accións así como de devolver nos vindeiros meses a visita a nosa cidade". Para concretar as actuacións acordouse crear unha comisión de técnicos composta por técnicos das dúas cidades que se reunirán en Vigo os vindeiros 21, 22 e 23 de outubro, co obxectivo de elaborar o primeiro protocolo de colaboración. Finalmente, o tenente de alcalde de Vigo transmitiu ao alcalde de Lorient o interese e o apoio que se prestará por parte do goberno vigués a todas as iniciativas que se desenvolvan conxuntamente.

O concelleiro de Cultura, Xesus López, aproveitou a estadía en Lorient para interesarse pola organización do Festival Intercéltico, así como establecer os contactos que poidan levar a que no vindeiro ano "podamos contar cunha representación moi significativa do mundo celta nas actividades da nosa cidade". Ademais, tanto o tenente de alcalde como o concelleiro de Cultura aproveitaron para saudar ao grupo vigués Moxenas, que representaron a nosa cidade no Festival Intercéltico.

Santi Domínguez cualificou este traballo de día e medio na cidade de Lorient como "moi satisfactorio", xa que ao seu servizo servirá para que esta cidade bretona e a súa área "coñezan mellor Vigo e as nosas potencialidades".
1249564402santi.jpg
1249564413lorient.jpg
Descargar todas as imaxes