Escoitar

Recepción do Concello á selección española de hóckey, co desexo de que se proclame campiona do mundial

A selección española de hóckey a patíns foi recibida oficialmente hoxe no Concello de Vigo polo alcalde, o tenente de alcalde e o concelleiro de Deportes, con motivo da súa estadía na cidade para preparar o Campionato do Mundo, que comezará o 4 de xullo no Ifevi e Pontevedra.

xoves, 25 xuñ 2009
1245935529recepcionhochey.jpg
Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, abriu o acto lembrando que España "é unha das favoritas a gañar" o campionato e amosouse satisfeito de que a selección "estea a gusto en Vigo", como así lle comunicaron. Santiago Domínguez, tenente de alcalde, pediu á selección, en ton humorístico, "que non faga o mesmo que o equipo de fútbol", en relación á eliminación ante Estados Unidos na Copa Confederacións. Xa en serio, asegurou que "queremos vivir unha festa deportiva e de promoción da nosa cidade"; por iso pediulle ao equipo estatal que "vos sintades como en casa", porque a cambio "gozaremos coas vosas ganas e o voso estímulo".

Pola súa banda, o alcalde Abel Caballero dixo na benvida a España que "estamos encantados de que o Mundial se dispute aquí", e asegurou que "non hai medias tintas, imos gañar, porque cando un quere algo di: vouno a conseguir". Caballero garantiu que a cidade " vai responder" co seu apoio.

Ignacio González, vicepresidente da Federación Española de Patinaxe, dixo que "xa era tempo" de que o Mundial volvese a Galicia 21 anos despois, e entendeuno como "a guinda que se merecía Vigo", destacando que en 1968 e 1969 xa organizou dous Europeos junior e dende 1983 o Cidade de Vigo, de prestixio internacional.

O acto pechouse coa entrega ao alcalde por parte do capitán de España, Guillem Trabal, dunha camiseta da selección española co nome de Vigo, e a foto de familia.

Descargar todas as imaxes