Escoitar

O museo Verbum acolle unha completa programación estival dirixida a todos os públicos

Recitais, campamentos para nenos e nenas, proxeccións e mostras son algunhas das actividades que integran a programación que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto no museo Verbum, segundo anunciou este mércores o concelleiro de Cultura, Xesus López. "Trátase dunha completa programación que supón a potenciación do Verbum como museo de referenza da cidade", salientou o concelleiro nacionalista.

mércores, 24 xuñ 2009
Xesus López afirmou que coa convocatoria de "Palabras para un verán", como se denomina a programación, "se quere ofrecer un abano de actividades para todos os públicos, tanto familiar, como adultos ou para rapaces e rapazas". Así, baixo o epígrafe "Palabras para gozar", ata o 12 de xullo, a sala de exposicións temporais acollerá a mostra "Antón Alonso Ríos, siñor Afranio". Baseada no libro "O Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte", esta exposición trata de recuperar a traxectoria do escritor, mestre e deputado agrarista Alonso Ríos e o roteiro que tivo que percorrer par fuxir do franquismo. Ademais, do 15 de xullo ao 30 de agosto, o Verbum acollerá a mostra "10 anos de BD galega", que amosará unha escolma dos traballos máis significativos do cómic galego dende o seu despunte a finais dos anos noventa ata a actualidade.

O título "Palabras para sentir" agrupa algunha das convocatorias "xa clásicas dos veráns no Verbum", segundo apuntou o concelleiro de Cultura, como é "Mércores no solpor". Esta actividade, na que se dan a man a música a danza, a poesía e a performance, terá lugar os días 8,15, 22 e 29 de xullo e 5, 12 e 19 de agosto ás 20.30 horas na terraza do museo. As artistas que participarán nas citas deste verán son María do Carme Krukenberg, Suxeitos, Pepa Yáñez, Iria Pinheiro, Raquel González, Marta Larralde, María Lado, Lucía Aldao, Wöyza, Iolanda Zuñiga, El Puto Coke e Gazz Funkdation e Rosa Cedrón. Neste marco de "Palabras para sentir" tamén terán lugar as actuacións das corais os venres, sábados e domingos do 3 de xullo ao 2 agosto; o concerto de Vargas Trío o 28 de xullo, no que presentarán o traballo de investigación entre a relación entre a música galega e a cubana, e performance "A Palabra Motora" o venres, 23 de agosto.

Baixo o nome de "Palabras para entreter" se desenvolverán os campamentos de verán dirixidos a rapaces e rapazas de 5 a 12 anos. Celebraranse de martes a venres previa inscrición e este ano, a temática será a animación á lectura. As "Palabras para ver", pola súa banda, inclúen o ciclo de curtametraxes "Cinemas Dixitais", que se proxectará no salón de actos os martes e xoves de xullo e agosto; nesta proposta se poderán ver as mellores curtametraxes galegas agrupadas por distintas temáticas. Finalmente, o 21 de agosto unha proxección na fachada do museo pechará a programación do Verbum.

Ademais, dende hai catro anos, a Casa das Palabras quere achegar a lectura aos usuarios e usuarias da praia, polo que se mantén o servizo de préstamo de cómics. Asemade, o Verbum é unha zona oficial de intercambio de libros dados de alta no bookcrossing.