Escoitar

Os museos de Vigo celebraran hoxe a noite de San Xoán cunha programación cargada de simbolismo

Cunha programación que integra aspectos lúdicos, simbólicos e tradicionais, o museo Quiñones de León, o Verbum, o Museo do Mar, o Marco e o Museo Liste celebrarán hoxe a noite de San Xoán dun xeito simultáneo con diversas propostas. "Tradición e misterio na noite de San Xoán" é a primeira actividade da rede museística de Vigo, coordinada e posta en marcha polas concellerías de Cultura, Patrimonio Histórico e Normalización Lingüística.

martes, 23 xuñ 2009
Nesta noite máxica e cargada de simbolismo, o Museo Quiñones de León acollerá unha iniciativa similar á das Noites Vivas, denominada "Noite de San Xoán no museo". Esta actividade comezará ás 21.45 horas e está dirixida a un grupo de entre 30 ou 40 persoas, integrado sobre todo por representantes dos distintos colectivos da cidade, como asociacións de mulleres, xuvenís e veciñais.

O museo Verbum acollerá a actividade "Xogando coas palabras na noite de san Xoán" entre as 22 e as 23 horas. Está dirixida a un grupo de 30 persoas e ten sido organizada pola Concellería de Normalización Lingüística e o propio museo. No Museo do Mar celebrarase a iniciativa "Memoria en San Xoán" arredor das 20 horas, e nela María do Carmo Krückenberg, Juan Otero "Eiravella" e Alberto Pacheco "recuperarán a memoria viva da cidade", lembrando como era hai anos a noite de San Xoán.


O auditorio do museo Marco, pola súa banda, acollerá unha sesión de contacontos de 22 a 23 horas, que unirá a contemporaneidade artística do museo con diferentes elementos etnográficos. A actividade, aberta ao público ata completar aforamento, é organizada polo Centro de Artesanía Tradicional en colaboración co museo. Finalmente, o museo Liste organiza a actividade "Mitos en San Xoán", centrada no lume e os mitos.