Escoitar

Abel Caballero eloxiou a "decisión clave" de Fomento de acortar os prazos do AVE directo a Vigo

O alcalde mostrouse hoxe xoves satisfeito pola contratación conxunta -anunciada onte por Fomento- do proxecto e obra da Alta Velocidade entre Vigo e Ourense por Cerdedo, pois "adiantamos un ano o Vigo-Madrid". Abel Caballero calificou de "fito" os compromisos adquiridos coa cidade polo ministro, quen ratificou ademais as novas autovias a Porriño e Pontevedra, a ampliación de Rande e a nova terminal de Peinador.

xoves, 25 xuñ 2009
1245934977tuneladora.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrouse hoxe satisfeito pola "decisión clave" do ministro de Fomento, José Blanco, de contratar conxuntamente o proxecto e a obra do tramo Vigo-Ourense por Cerdedo de Alta Velocidade, o que significa que "adiantamos un ano" a conexión ferroviaria viguesa con Madrid.

Os compromisos avanzados onte mércores por Fomento con Galicia en xeral e con Vigo en particular representan un "fito" para a cidade, indicou Abel Caballero, pois a contratación do proxecto e a obra do AVE directo a Ourense comezará tan pronto estea reamatada a Declaración de Impacto Ambiental do tramo, entre un e dous meses, segundo estimou o alcalde.

O alcalde asegurou que as verbas do ministro de Fomento son "a mellor nova que podiamos recibir" na cidade e subliñou que "posiblemente o Vigo-Ourense por Cerdedo sexa a obra máis cara acometida en Galicia", e que conectará á urbe coa capital de España "coas máximas prestacións" técnicas, en tres horas aproximadamente.

Abel Caballero salientou que está en marcha "toda a Alta Velocidade" viguesa, pois Blanco comprometeu asemade a contratación da nova estación de Urzáiz, os túneis de acceso están a ser excavados na actualidade e a saída sur está a ser definida no seu trazado. Ademais, o alcalde avanzou que "en días" contratarase a estación provisional de Guixar, cun investimento de 11 millóns de euros.

A nivel galego, o alcalde vigués asegurou que Blanco decidiu onte "a maior contratación de obra pública feita en España", por valor de 4.500 millóns de euros, o que permitirá conseguir os "grandes retos", neste caso, da cidade olívica.

Máis compromisos
Abel Caballero quixo enfatizar igualmente o "compromiso" do ministro de Fomento para a licitación e contratación da nova terminal do aeroporto de Vigo, que está a ultimar o arquitecto César Portela, ademais de ratificar as novas autovías a Porriño e a Pontevedra, así como a ampliación de Rande.
Descargar todas as imaxes