Escoitar
A xornada do venres 26 de xuño complétase con pasacalles, o dúo de Jacobo de Miguel e Ton Risco e Jazz na Noite

A pianista Rita Marcotulli homenaxea a Pink Floyd no Imaxina Sons

O Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons aborda a súa segunda xornada cun programa que comeza xa de mañá cos pasacalles e que inclúe a Homenaxe a Pink Floyd da italiana Rita Marcotulli no Conservatorio Superior de Música.

xoves, 25 xuñ 2009
1245921524ritamarcotulli.jpg
Rita Marcotulli
Rita Marcotulli (Roma, 1959) é unha das principais figuras musicais en Italia; unha pianista e compositora que desde os anos setenta indaga nas posibilidades do jazz. Da música brasileira deixouse conducir irremediablemente ao jazz nun escenario, o italiano, que a principios da década dos anos oitenta fervía de jazzeiros. Previamente o dúo formado por Jacobo de Miguel e Ton Risco propoñen unha potente conversa entre piano e vibráfono.

Nos oitenta estábase a constituír unha xeración de músicos en Italia, da cal Rita Marcotulli foi un dos poucos nomes de muller no medio daquel viveiro que moito daría de si ao longo dos anos. Tras unha frutífera estadía en Suecia, á súa volta a Italia, comeza a desenvolver proxectos propios, con asociacións artísticas que serán importantes na súa traxectoria como a que establece coa cantante Maria Pia de Vito ou, posteriormente, cun dos solistas europeos máis interesantes do jazz, o saxofonista británico Andy Sheppard.

Precisamente con este músico e no álbum editado a dúo On the Edge of a Perfect Moment (Harmonia Mundi / Egea 2006) xa abordaba a pianista a Pink Floyd a través do tema US and Them, incluído no álbum de 1973 Dark Side of the Moon do grupo británico. A piques de sair editada agora está a visión de Marcotulli sobre este traballo, co título The Ligth Side of the Moon, un proxecto no que só co piano mergúllase na música de Pink Floid como unha experiencia privada que, en virtude da súa mestría co instrumento, consegue contarlla á súa audiencia. Esa é a súa Homenaxe a Pink Floyd e a formación coa que se presenta nesta quinta edición do festival Imaxina Sons inclúe nomes tan relevantes do jazz italiano e europeo como o contrabaixo Giovanni Tommaso ou o seu habitual colaborador, o británico Andy Sheppard. Ademais, con ela no escenario, Giuseppe Matino, ao baixo eléctrico, Nguyên Lê á guitarra, Pasquale Minieri, na guitarra eléctrica, Michele Rabbia, na percusión, Mark Mondesir, na batería e Gennaro della Volpe, voz.

O programa do Imaxina Sons para este venres 26 de xuño no Conservatorio Superior de Música propón, antes da actuación da pianista italiana, o traballo de Jacobo de Miguel e Ton Risco Dúo. Non se trata dun combate entre piano e vibráfono, tal como poden facer entender as potentes posibilidades sonoras de ambos, senón dun diálogo no que os dous instrumentos non se solapan. Jacobo de Miguel, piano, e Ton Risco, vibráfono, non poden obviar a tradición americana e a influencia na súa música, pero Dúo é unha proposta de jazz que chisca o ollo máis dunha vez á música clásica. Unha proposta delicada e comprometida coa improvisación, que, desde a perspectiva da música de cámara, só se pode enmarcar, segundo os seus artífices, nas tendencias do jazz europeo.

A segunda xornada arranca como a da apertura: co jazz polas rúas da man dos Papa Swing, que de novo levarán o seu dixie a diferentes partes da cidade, e complétase co concerto noctámbulo de Paco Dicenta Jazz Qüartet no Xancara Jazz a partir da unha e media da madrugada, combinando composicións propias con algún estándard.

Programa venres 26 de xuño
Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons

Pasacalles Papa Swing
13 horas: Independencia-Praza América-Praza Emigrante
19 horas: C.C. Praza Elíptica e a súa contorna
21 horas: Praza Compostela-Montero Ríos

20,30 h Jacobo de Miguel & Ton Risco – Dúo
+
Rita Marcotulli - Homenaxe a Pink Floyd
Auditorio "Martín Códax" do Conservatorio Superior de Música
Entrada libre

01,30 h Ciclo Jazz na Noite
XancaraJazz
Paco Dicenta Jazz Qüartet
Entrada libre
Descargar todas as imaxes

Máis información