Escoitar

Esta fin de semana disputarase a fase de ascenso masculina e feminina do Seis de Nadal de Balonmán

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, anunciou este xoves que a fase de ascenso a Primeira Nacional dos equipos masculino e feminino do Clube Seis de Nadal de Balonmán se disputa esta fin semana, 1, 2 e 3 de maio, nos pavillóns de Travesas e Coia. Segundo o edil trátase "dun espectáculo digno de ver", polo que anima a toda a cidadanía a presenciar os partidos.

xoves, 30 abr 2009
1241096717seisnadal.jpg
"Para min é unha satisfación presentar esta fase de ascenso e como concelleiro de Deportes teño que aplaudir o Clube Seis do Nadal polo seu traballo a prol do deporte de base", subliñou Xabier Alonso, na presentación do torneo, na que tamén participaron o presidente do clube, Antón Piñeiro, a delegada do equipo feminino Elena Lanzós e o adestrador do equipo masculino, José Ramón Muñoz "J".

No torneo participarán catro equipos por categoría, e o primeiro clasificado será o que obteña o ascenso directo. No tocante á fase de ascenso feminina, a competición comezará mañá, 1 de maio ás 17.30 horas no pavillón central das Travesas co partido que enfrontará a Aula Cultural e Siero Deportivo. Será ás 20 horas no pavillón de Coia cando o Azkar Seis do Nadal xogará o seu primeiro partido contra o CD Tahiche. O sábado, 2 de maio, ás 10.30 enfrontaranse o Aula Cultural e o CD Tahiche, no pavillón de Coia; mentres que ás 17.30 horas, o pavillón de Coia acollerá o partido do Azakar Seis do Nadal contra o Siero Deportivo. Xa o domingo, 3 de maio, ás 10.30 horas o Azkar Seis do Nadal xogará contra o Aula Cultural no pavillón de Coia; finalmente, ás 12.30 disputarase o partido que enfrontará o CD Tahiche e o Siero Deportivo no pavillón das Travesas.

Respecto á fase de ascenso masculino, mañá 1 de maio ás 17.30 horas, o pavillón de Coia acollerá o partido do Magope Seis do Nadal fronte a Egia Servi Chap; e ás 20 horas no pavillón das Travesas enfrontaranse o Villa Ingenio co Inzamac Zamora. O 2 de maio, o pavillón de Coia acollerá os dous partidos da xornada, ás 12.30 o que disputarán o Magope Seis do nadal e o Inzamac Zamora e ás 20 horas no que se enfrontarán o Villa Ingenio e o Egia Servi Chap. Xa o día 3, ás 10.30 disputarase no pavillón das Travesas o partido entre o Egia Servi Chap e o Inzamac Zamora; é ás 12.30 horas o Magope Seis do Nadal e o Villa Ingenio enfrontaranse no pavillón de Coia.

O día 3, ás 14.30 horas, no pavillón de Coia terá lugar a clausura das dúas fases de ascenso e a entrega de trofeos. "A ilusión e o traballo de todos os deportistas do Seis do Nadal fan que merezan a recompensa de ser os anfitrións deste espectáculo", salientou o concelleiro nacionalista.
Descargar todas as imaxes