Escoitar

O Concello reforza a vixilancia na depuradora para previr erros no seu funcionamento

A raíz do desbordamento de espumas da pasada fin de semana, a concelleira de Vías e Obras avanzou hoxe luns que o Concello incrementará os medios humanos para garantir o seu axeitado funcionamento e nomeará a un interlocutor técnico en contacto permanente cos veciños, cos responsables políticos municipais e coa empresa de augas.

luns, 20 abr 2009
1240232234isaura.jpg
A concelleira de Vías e Obras, Isaura Abelairas, anunciou hoxe luns o reforzo dos medios humanos na vixilancia do funcionamento da depuradora do Lagares, a "fórmula para que non volva a suceder" o desbordamento de espumas acontecido o pasado sábado, 18 de abril.

Abelairas afirmou que hoxe luns celebrarase unha reunión de seguemento para reforzar a vixilancia dos rotores da EDAR sobre todo en horario nocturno, pois o desbordamento de espuma -que non lodos, segundo clarexou a edil- producíuse por un erro humano no servizo de vixilancia.

Ademais, a titular do departamento municipal de Vías e Obras indicou que o Concello nomeará a un técnico encargado de coordinar a comunicación permanente entre os veciños afectados, os propios responsables políticos no Concello e a empresa Aqualia para calquera anomalía relacionada coa estación depuradora.

Isaura Abelairas explicou que o desbordamento debeuse a "un erro no servizo de vixilancia" da planta, pois un dos rotores deixou de funcionar automáticamente cando detectou un exceso de osíxeno nos lodos, facilitando a acumulación de espumas.

Segundo explicou a concelleira, os vixilantes non decatáronse do paro do rotor, encargados da desfeita das espumas, o que causou o acumulamento e posterior desbordamento das mesmas á xunqueira do río Lagares.
Descargar todas as imaxes