Escoitar

O tenente de alcalde anuncia que o complexo deportivo de auga de Barreiro abrirá no verán de 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe que o novo complexo deportivo de auga que se está a construir en Barreiro abrirá no verán do vindeiro ano. O tenente de alcalde salientou tras visitar as obras, acompañado do concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, que "este complexo vai ser o máis importante destas características da cidade".<br />

mércores, 11 feb 2009
1234359295piscinabarreiro.jpg
Santi Domínguez explicou que a execución dos traballos está cumprindo os prazos. Dixo que desde o Concello faise un seguemento continúo das obras "porque é un proxecto que nos preocupa moito, porque queremos que sexa unha obra emblemática por estar enmarcada dentro dun espazo como é o de Barreiro". O tenente de alcalde detallou as características do novo complexo deportivo, que terá unha superficie total construída de 5.507 metros cadrados, e estará integrado por tres piscinas, unha de uso polivalente de 25 metros, outra de aprendizaxe e outra activa con seis camas de auga e dez postos de hidromasaxe. O proxecto, construído sobre unha superficie de 4.000 metros cadrados, inclúe tamén cinco salas de actividades, unha sala de fitnes de 680 metros cadrados, e dúas pistas de pádel cubertas.

O inmoble preséntase parcialmente soterrado, ofrecendo un edificio no que se destaca o espazo principal, que é o vinculado ás actividades deportivas que se realizan. Trátase, no seu conxunto, non só dun complexo deportivo, senón tamén termal e un espazo para o benestar, tanto para cativos como para adultos, no que a polifuncionalidade é unha das súas principais características. Ademais, as instalacións aproveitarán a luz solar, mantendo a liña da arquitectura sostible e integrada no seu contorno. O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, salientou precisamente do complexo a súa capacidade de combinar deporte e saúde "nun espazo polivante que xoga coa auga e o verde do contorno".

A preguntas dos xornalistas, o tenente de alcalde referiuse tamén a outra piscina que se está a construir na Florida e adiantou que as obras van tamén a bo ritmo e abrirá uns meses despois da de Barreiro. En canto á construción dunha piscina olímpica, Santi Domínguez lembrou que está contemplada no espazo deportivo de Navia, no que nuns meses iniciarase a primera fase coa execución dun pavillón polideportivo e un campo de fútbol. A piscina olímpica entrará na segunda fase, xunto coa construción de varias pistas mulitusos abertas.
Descargar todas as imaxes