Escoitar

Santi Domínguez ofrece a súa colaboración para resolver os problemas de espazo do colexio Altamar

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, comprometeuse hoxe a facer as xestións que estean na súa man para tratar de dar solución aos graves problemas de espazo que ten o colexio público Altamar.O tenente de alcalde e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, visitaron hoxe o centro invitados pola dirección e a ANPA, que tiñan interese en que coñeceran a precaria situación de espazo nas que teñen que desenvolver a súa actividade.

martes, 10 feb 2009
1234272333altamar.jpg.jpg
Santi Domínguez sinalou tras o encontro que "non podemos permitir que un colexio en pleno centro de Vigo, coa necesidades de prazas que hai, teña estes problemas de espazo. Non podemos manter un centro con esta gran carencia. Hai que buscarlle unha solución". O tenente de alcalde fixo un percorrido polo colexio e puido comprobar as "solucións imaxinativas" que ten que facer a dirección do centro para poder dar resposta a todas as necesidades que teñen, como buscar espazos para o comedor ou as aulas de orientación e informática.

O nacionalista explicou que aínda que a área de Educación non é competencia do BNG, nin no Concello nin na Xunta, si que as ten sobre a residencia Altamar que está pegada ao colexio e que podería ser unha das solucións. "Estase avaliando cales poden ser as solucións para resolver este acuciante problema e ata onde nos podamos imos facer todas as xestións necesarias para ir avanzando e que este centro teña un camiño de futuro", sinalou.

O tenente de alcalde explicou que hai varias administracións que están implicadas e vai ser importante chegar a acordos entre todas para acadar a mellor solución e, con posterioridade, axilizar ao máximo os traballos para que a comunidade educativa do colexio Altamar poda desenvolver o seu labor en condicións axeitadas.
Descargar todas as imaxes