Escoitar

María Méndez salienta que o convenio co Comedor da Esperanza se incrementou un 30% no 2008

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, subliñou este xoves que o convenio que o seu departamento ten asinado co Comedor da Esperanza se incrementou un 30% no ano 2008. Así o indicou a concelleira no transcurso da visita que realizou ás instalacións e explicou asemade que o incremento ten o obxectivo de cubrir as necesidades que presenta este servizo na época de crise actual.

xoves, 22 xan 2009
1232634899P1220215.JPG
"O Comedor da Esperanza está desenvolvendo unha labor sumamente importante para as administracións", destacou María Méndez, polo que subliñou a relevancia do convenio que mantén Benestar Social, que ascende a 20.000 euros. Por outra banda, a edil do BNG sinalou que unha media de setenta persoas diarias acuden ao comedor, "aínda que hai días de picos, nos que se pode chegar ás 120 persoas". Neste sentido, sinalou que a cifra pode aumentar "debido á crise actual", polo que indicou que dende o Concello "se pode estudar o incremento do convenio se aumentan as demandas".

A concelleira de Benestar Social indicou que entre as persoas que acuden ao Comedor da Esperanza o grupo de indixentes sen teito é minoritario, senón que a maior parte dos casos se trata de persoas que por diversas circunstancias as súas pensións "non acadan". Nas palabras que dirixíu ás persoas usuarias deste servizo, de países de procedencia moi diversos (Rumanía, Senegal, Bolivia ou México, entre outros), María Méndez explicou que dende Benestar Social se está facendo "todo o posible para abrir o albergue" e lles lembrou a posibilidade de acudir ao centro de emerxencia ubicado na antiga Escola de Hostelería.

Descargar todas as imaxes