Escoitar

Medio Rural destinará 81.627 euros para potenciar a agricultura ecolóxica e a musealización do castro de Estea

O delegado da Consellería de Medio Rural, Gonzalo Constenla, e o tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciaron a concesión de dúas subvencións para as parroquias de Lavadores e Saiáns cun importe total de 81.627 euros. Unha delas, dotada con 62.425 euros, está destinada á difusión da agricultura ecolóxica na parroquia de Lavadores, mentres que a outra, dotada con 19.202 euros, terá o obxectivo de musealizar o castro de Estea na parroquia de Saiáns.

mércores, 21 xan 2009
1232547942xunta210109.jpg
"O medio rural é fundamental no noso país e aínda que o potencial de Vigo e sobre todo urbano, conta cun medio rural sumamente importante", salientou Gonzalo Constenla na súa intervención. O delegado da Consellería de Medio Rural destacou asemade o potencial dos bosques periurbanos da cidade, non só no seu aspecto forestal, senón tamén "medioambiental, ecolóxico, turístico e arqueolóxico". O nacionalista engadiu que Vigo ten unha "especial vocación transformadora de produtos agroalimentarios", respecto á que a consellería ten "habilitadas diversas liñas de axuda".

O delegado da Consellería de Medio Rural destacou o interese dos dous proxectos aos que se lle conceden as axudas. "A importancia dunha das propostas radica na posta en valor do patrimonio arqueolóxico dos montes periurbanos de Vigo", explicou Constenla, quen sinalou que a subvención concendida ascende a 19.202 euros. Os traballos na musealización do castro de Estea consistirán na eliminación de especies invasivas, a limpeza da zona, o seu estudo toponímico, o traballo arqueolóxico de documentación, a prospección arqueolóxica e a instalación de carteis informativos.

"O interese da outra proposta refírese á potenciación da agricultura ecolóxica, que intenta aproveitar os propios recursos da natureza", indicou. Segundo o delegado, trátase dun proxecto "moi completo", porque tamén dedica recursos a visitas de escolares ás fincas así como diversas actividades de formación, e conta cunha subvención de 62.425 euros. "Estamos a seguir colaborando para que estas iniciativas se poidan desenvolver noutras parroquias", adiantou.

Os representantes da Asociación de Veciños de Lavadores expresaron a súa satisfacción pola concesión da axuda "porque é unha antiga idea da asociación atopar un espazo para divulgar a agricultura ecolóxica". Así, agradeceron o apoio da Consellería de Medio Rural e da Tenencia de Alcaldía para poder levar a diante o proxecto "despois de tantos anos intentándoo".
Descargar todas as imaxes