Escoitar

Benestar Social impulsa unha campaña de información á inmigración para fomentar a súa integración en Vigo

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este martes a posta en marcha dunha campaña de información á poboación estranxeira residente en Vigo. Segundo, esta iniciativa, que inclúe folletos en galego-castelán, galego-inglés, galego-francés, galego-chinés e galego-rumano, ten o obxectivo de "facilitarlles os datos que precisan para a súa integración na nosa cidade".

martes, 20 xan 2009
1232459484migracion200109.jpg
A concelleira de Benestar Social salientou que os folletos inclúen información sobre os procesos de arraigo social, regularización de menores e reagrupamento familiar. "A campaña vai dirixida a persoas estranxeiras que queren regularizar a súa situación administrativa na nosa cidade porque levan máis de tres anos residindo no país e dispón dun contrato de traballo ou medio de vida así como ás persoas que queiran reagrupar as súas familias", explicou María Méndez. Asemade, os folletos inclúen información sobre os diferentes servizos públicos existentes, así como sobre centros de saúde, ong's, sindicatos e asociacións de inmigrantes.

Segundo indicou a edil nacionalista, a posta en marcha deste novo servizo "era unha demanda da poboación estranxeira e desta forma quixemos dar resposta ás necesidades de información das persoas que chegan a nosa cidade". Neste sentido, a concelleira de Benestar Social salientou que a Oficina de información á inmigración incrementou notablemente o número de expedientes resoltos, ao pasar dos 199 do 2005, ano de apertura da oficina, aos 667 do ano 2008. "Este aumento débese fundamentalmente ao incremento do persoal da oficina", destacou María Méndez. Pola súa banda, a poboación estranxeira empadroada en Vigo, segundo datos do 2008, es de 15342 persoas, mentres que no 2005 era de 12.628 persoas.

"Nunca poidemos desenvolver unha campaña tan específica dirixida á poboación estranxeira que reside en Vigo como ata o de agora", salientou pola súa banda María José Thomas, responsable das áreas de Inmigración e Inclusión da Concellería de Benestar Social.
Descargar todas as imaxes