Escoitar

As 11 primeiras vivendas rehabilitadas no Casco Vello estarán listas para ser alugadas no mes de xuño

A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, visitou hoxe acompañada do tenente de alcalde, Santi Domínguez, as obras de rehabilitación que se están levando a cabo en varios edificios do Casco Vello a través do Consorcio, participado no 90% polo departamento autonómico e no 10% polo Concello de Vigo. "Non podemos deixar que o Casco Vello de Vigo, coas características tan especiais que ten, continuará neste estado de abandono. Hai que recuperalo e revitalizado e nese traballo estamos. Estamos xa en marcha, sen pausa e con paso firme", sinalou a conselleira.

luns, 19 xan 2009
1232366626visitacascovello199109.jpg
Teresa Táboas, que visitou as obras de dous inmobles ubicados na rúa Real nos números 16 e 25, anunciou que en menos de seis meses, en xuño de 2009, estarán listas para ser ocupadas as 11 primeiras vivendas rehabilitadas no Casco Vello, que serán adxudicadas en réxime de aluguer por un período de cinco anos a través do Programa de Vivenda en Aluguer da Consellería de Vivenda e Solo, polo que se ofertarán a persoas e unidades convivenciais cuns ingresos ponderados de ata 1.500 euros ao mes -3 veces IPREM –.

Os dous edificios da Rúa Real 16 e 25 albergarán seis vivendas protexidas de 1 e 2 dormitorios cunha superficie útil de entre 51 e 85 metros cadrados. As cinco vivendas restantes tamén disporán de un e dous dormitorios e estarán ubicadas en dous inmobles da rúa Abeleira Menéndez nº 24 e 26, cuxas obras xa están máis avanzadas.

O prezo de aluguer das 11 vivendas, segundo explicou a nacionalista, será de entre 203 e 349 euros mensuais, "coa posibilidade de recibir axudas públicas a través do Programa de Vivenda en Aluguer, xa que o obxectivo deste Programa é que os inquilinos non destinen máis do 20% dos seus ingresos mensuais ao pago do aluguer da súa vivenda", salientou Táboas.

Na actualidade, a través do Consorcio Casco Vello, a Consellería está desenvolvendo obras de rehabilitación en seis edificios que albergarán un total de 17 vivendas protexidas: Abeleira Menéndez nº 11 (3 vivendas), Abeleira Menéndez nº 24 e 26 (5 vivendas), Santiago 19 (3 vivendas), Real 16 (3 vivendas) e Real 25 (3 vivendas)

Acceso ás vivendas
A conselleira de Vivenda e Solo explicou que para ter acceso a estas 11 vivendas protexidas no Casco Vello de Vigo, as persoas interesadas deben estar inscritas no Programa de Vivenda en Aluguer, o que lles permitirá ter acceso a "vivendas de calidade por debaixo do prezo de mercado" e, ademais poderán recibir axudas públicas para o pago do aluguer.

Teresa Táboas tamén explicou que os catro edificios da rúa Real e de Abeleira Menéndez disporán de cinco baixos comerciais, que se destinarán tanto a uso comercial como para a instalación de institucións públicas ou asociacións que contribúan á dinamización económica e social do Casco Vello.

Ademais, no edificio da rúa Real 16 se destinará o primeiro andar a oficinas, cunha superficie total de 94,17 metros cadrados. Nese sentido, a conselleira nacionalista salientou que nos inmobles rehabilitados "se mestura o uso residencial, cos locais comerciais e as oficinas, como paradigma do obxectivo dobre co que estamos a traballar no Casco Vello da Cidade de Vigo: a rehabilitación dos edificios que están en estado de abandono, acompañada dunha integración de usos e actuacións que revitalicen o barrio".

A Consellería de Vivenda e Solo, a través do Consorcio Casco Vello de Vigo, ten adquiridos 46 edificios que serán rehabilitados para albergar vivendas protexidas. Para continuar cos traballos de rehabilitación do barrio, o orzamento en 2009 ascende a 7,25 millóns de euros, partida que permitirá continuar as obras en marcha e comezar novas actuacións, en total 15 proxectos, situados nas rúas Real, Santiago, Abeleira Menéndez, Hortas, San Sebastián, Subida ao Castelo, Cruz Verde e Ferrería.
Descargar todas as imaxes