Escoitar

A Casa das Artes inaugura o traballo máis impactante do colombiano Fernando Botero

A Fundación Caixa Galicia presentou esta mañá na Casa das Artes de Vigo a exposición Fernando Botero. Abu Ghraib – O circo, unha produción realizada coa colaboración do IVAM valenciano e o apoio do Concello de Vigo, que presenta as dúas series de pinturas máis influentes do traballo recente do artista colombiano.

martes, 11 nov 2008
1226411408expobotero.jpg
A mostra, que se poderá visitar ata o vindeiro día 1 de febreiro, componse dun total de 95 obras: 25 pinturas e 24 debuxos pertencentes á serie Circus, e 24 pinturas e 22 debuxos da serie Abu Ghraib.

A primeira serie nace do interese de Botero polo mundo do circo, que xa inspirou a outros artistas como Calder, Picasso, Léger ou Chagall. O artista retrata os personaxes tradicionalmente vinculados a este espectáculo, coa particular fisionomía monumental característica do seu estilo.

Na segunda, Abu Ghraib, Botero representa as torturas ás que foron sometidos os prisioneiros de guerra por parte dalgúns soldados estadounidenses no infame cárcere iraquí. Durante un ano, a partir da lectura dun artigo crítico publicado no semanario The New Yorker que deu a volta ao mundo, o artista traballou para plasmar e denunciar o drama da tortura que sufriron os presos.

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, expresou ao artista Fernando Botero o agradecemento en nome do Concello de Vigo a súa presenza na cidade con motivo da inauguración da mostra . "Estamos encantados de ter hoxe en Vigo ao mestre Botero", salientou o tenente de alcalde, quen asegurou que Vigo "vai respostar a esta exposición" do mesmo xeito que xa o fixo con outras mostras organizadas tamén pola Fundación Caixa Galicia, como a adicada a Tamara Lempicka. "Cando propoñemos en Vigo visualizar arte de talla internacional, a cidade resposta", afirmou Santi Domínguez, e así o fará ao seu xuízo con "Abu Ghraib – O circo", posto que Vigo é unha cidade "comprometida contra a tortura e a violencia e así mesmo comprometida coa felicidade". Ademais, agradeceu á Fundación Caixa Galicia a súa aposta pola cidade á hora de organizar exposicións de prestixio internacional.

O pintor e escultor colombiano Fernando Botero (Medellín, Colombia, 1932) está considerado un dos artistas vivos latinoamericanos máis importantes e o máis cotizado. Cunha extensa obra producida ao longo de cinco décadas, o seu estilo é amplamente recoñecido.

O artista colombiano agradeceu a posibilidade de visitar Galicia. "É para min unha gran honra", sinalou. Segundo Fernando Botero, é "unha mostra que presenta aspectos opostos e ao mesmo tempo unidos da miña produción", explicou. Por unha banda, trátase da "denuncia do horror" vivido na prisión de iraquí de Abu Ghraib, e pola outra, a serie adicada ao circo é unha "cura despois dos anos inmersos nese pesadelo"; neste sentido, Botero sinalou que o interese polo mundo do circo xa inspirou a outros artistas como Calder, Picasso, Léger ou Chagall, pero cada un deles o fai dun xeito particular. "O colorido fortísimo do circo permite atraer a mirada dos nenos e plasma a actitude do corpo humano en diferentes artividades, que ás veces toman posicións increibles, así como a propia poesía do circo", indicou o artista colombiano.

Respecto á serie adicada ao cárcere, Botero salientou que representa as torturas ás que foron sometidos os prisioneiros de guerra por parte dalgúns soldados estadounidenses na prisión iraquí de Abu Graib. "As pinturas denuncian un acto inaceptable que provocou unha forte reacción en todo o mundo", explicou o artista, quen indicou tamén que representan a "hipocresía dun país que se presenta como salvador pero que recurre ás mesmas prácticas que Sadam Hussein". Fernando Botero lembrou como durante un ano, a partir da lectura dun artigo crítico publicado no semanario The New Yorker, traballou para plasmar e denunciar o drama da tortura que sufriron os presos. "Durante catorce meses vivín unha especie de obsesión e pesadelo", subliñou.

Fernando Botero sinalou que tras rexeitar a posibilidade de vender unhas obras que plasman as atrocidades cometidas polos soldados norteamericanos, tomou a decisión de doalas á Universidade de Berkeley, caracterizada polo seu pensamento liberal, onde foron expositas acadando un gran éxito de público, de xeito "fenomenal e fantástica". Posteriormente, na exposición realizada en Nova Iorque, "o público reaccionou de todas as formas", sinalou o artista, quen sinalou que recibiu "cartas e comentarios de odio". Respecto ao traballo sobre a violencia, indicou que esta non é a primeira vez que trata o tema, xa que ten traballado sobre a violencia en Colombia. Cualificou a súa pintura como "pracer e como exercicio de responsabilidade", pese a considerar que "desgraciadamente, o arte non pode cambiar o mundo".


Cinco décadas de traballo

A primeiros dos 50, Botero trasladouse do seu Medellín natal a Bogotá, onde entrou en contacto con algúns dos principais intelectuais colombianos da época. En 1951 presentou as súas dúas primeiras exposicións e obtivo o premio do IX Salón de Artistas Colombianos, ofrecido pola Biblioteca Nacional de Colombia, que lle permitiu custear a viaxe a Europa.

Tras visitar Barcelona, instalouse en Madrid. Alí visitou o Museo del Prado, onde a contemplación da obra de Goya e Velázquez deixaría nel un fondo impacto. Residiu a continuación en Italia ata 1955, ano no que regresou a Colombia.

Botero trasladouse a México en 1956. Un ano despois expuxo por primeira vez en Nova York, e o éxito comezou a acompañalo. Regresou a Bogotá e en 1958 nomeárono docente da Escola de Belas Artes da Universidad Nacional de Colombia.

En 1960, Botero instalouse en Nova York. A súa obra comezou entón a gañar o beneplácito da crítica. Tras presentar a súa obra en París en 1969 o artista empezou un período de viaxes e exposicións en Europa, os Estados Unidos e Colombia.

En 1973 trasladou a súa residencia a París e comezou a traballar a escultura. En 1976 fixo unha importante doazón das súas obras ao Museo de Antioquía, que lle consagrou unha sala permanente, a sala Pedrito Botero, que leva o nome do seu fillo, falecido en 1974.

Unha década despois, Botero faría unha nova doazón ao museo, esta vez de esculturas, que tamén atoparon lugar noutra sala permanente dedicada a Botero. O seu crecente interese pola escultura levouno a instalar un obradoiro na Pietrasanta, unha vila próxima a Florencia cunha longa tradición dedicada á fundición escultórica.

Dende aquela, Botero non deixou de crear e expuxo nos principais museos do mundo. Existe obra súa en múltiples coleccións públicas internacionais, coma o Museo Nacional de Colombia e o Museo de Arte Moderno de Bogotá (MamBo), o Museo Reina Sofía de Madrid, o Museo de Arte Moderno de Viena, o Museo Nacional de Bellas Artes de Santiago de Chile, o Metropolitan, o MOMA ou o Guggenheim de Nova York, o Museo de Arte Contemporáneo de Caracas, o Museo de San Petersburgo, o Museo Ho-am de Seúl ou o Museo de Arte Contemporáneo de Hiroshima.

A súa escultura pública expúxose nalgunhas das avenidas e prazas máis famosas do mundo, coma os Campos Elíseos en París, a Gran Avenida de Nova York, o Paseo de Recoletos de Madrid, a Praza do Comercio de Lisboa ou a Praza da Señoría en Florencia.

Horario
De luns a venres de 12 a 14 e de 18 a 21.00 horas
Fins de semana e festivos, de 12 a 21.00 horas.
Visitas guiadas para escolares e colectivos de adultos. Cita previa no 986815083. Visitas guiadas. De luns a xoves, ás 20; venres e sábados, ás 19 e 20; domingos e festivos, ás 12 e ás 19.00 horas.







1226411408expobotero.jpg
1226404739botero1.jpg
1226404765botero2.jpg
1226404780botero3.jpg