martes, 23 novembro 2010

O alcalde denuncia que a Xunta quere subvencionar a Santiago voos con "dez veces máis aportación de viaxeiros" que a Vigo

Abel Caballero iniciou este martes os contactos con colectivos da cidade para pulsar a súa opinión sobre o reparto das subvencións a rutas aéreas nos tres aeroportos galegos. O rexedor asegurou que as seis conexións sufragadas a Lavacolla achegarían 266.000 viaxeiros polos 21.000 das dúas de Peinador. Caballero resaltou que empresarios, veciños e hosteleiros comparten a súa "inmensa preocupación" por un reparto "desequilibrado".

Caballero anuncia que a reforma do edificio Garavilla e dos espazos deportivos da ETEA comezarán este mércores

martes, 23 nov 2010

En rolda de prensa tras a Xunta de Goberno Local, o alcalde vigués avanzou que o Concello comezará mañá mércores cos traballos de remodelación da piscina e do pavillón deportivo da ETEA, en Teis, e coa rehabilitación dun "edificio simbólico e histórico na cidade", o Garavilla. O Concello realizará un investimento de 1,2 millóns de euros nestas dúas reformas emblemáticas para o barrio de Teis.

Normalización Lingüística impulsa actividades nas áreas comerciais dirixidas ao público infantil para potenciar o galego

martes, 23 nov 2010

A concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, anunciou este martes que os centros comerciais Gran Vía e A Laxe acollerán diversas actividades lúdicas dirixidas a rapaces e rapazas. Na presentación das iniciativas, a concelleira nacionalista destacou que a proposta ten o obxectivo de "contribuír á valorización do galego en espazos pouco habituais e fóra das aulas".

As becas súmanse as 250 ofertadas este curso entre os estudantes de secundaria da cidade

70 alumnos da Escola Oficial de Idiomas poderán estudar varias linguas no estranxeiro becados polo Concello

martes, 23 nov 2010

Abel Caballero avanza que o vindeiro curso se ampliarán a 450 bolsas, entre as ofertadas entre os estudantes de secundaria e da Escola Oficial de Idiomas, e subliñou que "este é o mellor legado que se lle pode deixar aos mozos". A Xunta de Goberno Local aprobou este martes as bases da convocatoria para a estancia lingüística no estranxeiro dos estudantes da EOI no curso 2010-2011, para as que se prevé un investimento de 100.000 euros. A convocatoria vai dirixida aos alumnos matriculados nos niveis intermedio II e avanzado I dos departamentos de inglés, francés, alemán e italiano, co fin de que participen nun programa educativo no país correspondente.

O Concello continúa co proceso de humanizacións en toda a cidade

O goberno local inviste 50.000 euros no arranxo e humanización da Avenida do arquitecto Palacios

martes, 23 nov 2010

O Concello está a cortar a maleza, limpando cunetas, desatascando as arquetas e realizando un varrido automático para mellorar o aspecto do vial e para incrementar a seguridade do mesmo. Na mediana ademais de levar adiante a plantación de árbores, plantas e a introdución de áridos implementarase unha reparación integral e un sistema de rego para o seu mantemento.

Xabier Alonso anuncia que o Memorial Belarmino Alonso, que se celebra o domingo, estrea percorrido "máis espectacular"

martes, 23 nov 2010

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, anunciou hoxe que a 32 edición do Memorial Belarmino Alonso de campo a través, que se correrá o vindeiro domingo 28 de decembro, estreará un novo percorrido "que será máis espectacular". Destacou que na proba participarán deportistas de todas as categorías dende benxamín ata xuvenil e júnior, tanto na modalidade masculina como feminina.

Xabier Alonso destaca a suma de áreas deportivas á rede de gas natural para reducir a contaminación e potenciar o aforro

martes, 23 nov 2010

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, anunciou este martes a incorporación de diversas instalacións deportivas de Vigo á rede de gas natural no obxectivo de reducir a contaminación ambiental. Deste xeito, o pavillón central de As Travesas, os pavillóns do Carme e Frontón-Vermella, así como o complexo deportivo de Balaídos súmanse ás piscinas de Teis, Travesas, Lavadores e Valadares, o ximnasio do Carme e o pavillón do Berbés, que xa contan con este sistema que potencia o aforro enerxético.