Escoitar

Alasdair Fraser e Natalie Haas ofrecen mañá martes un concerto de folk celta de violín e violonchelo no Auditorio Municipal

O programa estable de artes escénicas que organiza a Concellería de Cultura continúa mañá, 23 de novembro, cun novo espectáculo musical. Nesta ocasión será o concerto que ofrecerán Alasdair Fraser no violín e Natalie Haas no violonchelo, ás 20.30 horas no remodelado Auditorio Municipal.

luns, 22 nov 2010
Alasdair Fraser conta cunha longa traxectoria musical, xa que toca o violín dende os 8 anos, é o violinista escocés máis internacional e unha referencia do folk celta. Ten recoñecemento internacional como intérprete, artista discográfico e profesor da rica tradición violinística en Escocia. Ao longo da súa traxectoria musical, Fraser colaborou con grupos tan variados como a Master Chorale de Los Ángeles, os Waterboys, os Chieftains ou o violinista clásico Itzhak Perlman. Tamén participou nas bandas sonoras de películas como "Titanic", "O último mohicano" ou "Wyatt Earp".

No 2004 Alasdair presentou un dúo coa violonchelista Natalie Haas, que acadou un éxito absoluto. Dende 2007 seguen ofrecendo concertos en directo, nos que exploran ao mesmo tempo o son máis tradicional e as novas posibilidades da fusión violín/cello. Na actuación de mañá presentarán o seu último traballo, "In the moment".

As entradas para asistir a este espectáculo, que teñen un prezo de 5 euros, pódense mercar na web www.laboleteria.es ou na propia taquilla unha hora antes do comezo das actuacións. A programación completa pódese consultar na web www.vigo.cultura.org.