Escoitar

O Concello recoñece ás entidades impulsoras do Campus do Mar vigués pola concesión do Campus de Excelencia Internacional

O alcalde de Vigo, en representación dos tres grupos políticos municipais, ofreceu hoxe venres un recoñecemento a todas as entidades e institucións promotoras da Excelencia Internacional obtida polo Campus do Mar vigués, un acto do que foron partícipes o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o secretario xeral de Universidades do Ministerio de Educación, Marius Rubiralta.

venres, 19 nov 2010
1290173518campusmar.jpg
O Concello de Vigo quixo recoñecer este venres co acto o "esforzo" das universidades galegas e portuguesas involucradas, das administracións públicas partícipes, das empresas colaboradoras e da sociedade civil viguesa e galega.

O secretario xeral de Universidades do Ministerio de Educación, Marius Rubiralta, o conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, coincidiron en prestixiar o traballo dos máis de 3.000 investigadores que forman o Campus do Mar e a "ilusión" de todos os sectores como factores clave para a consecución da Excelencia Internacional.

"O coñecemento como valor ten o éxito asegurado", apuntou Rubiralta, quen ensalzou o proxecto vigués e galego que, xunto cos restantes distinguidos polo Ministerio, axudarán á saída da crise económica. "É un día para recoñecer os esforzos realizados e o traballo ben feito", asegurou o secretario xeral, e incidiu no carácter transfronterizo do Campus do Mar.

O conselleiro de Educación felicitou á toda a comunidade universitaria -en particular tanto ao actual como ao anterior reitor da Universidade de Vigo- e subliñou a "unión" das universidades galegas, das empresas e das administracións públicas, que deron o seu respaldo "a un gran proxecto" que pode chegar a ser de "referencia" en Europa.

Salustiano Mato, pola súa banda, mostrouse agradecido polo recoñemento institucional e o extendeu á comunidade de 3.100 investigadores, aos máis de 150 coordinadores do Campus do Mar -"que non tiveron nin un momento de respiro"-, ás universidades e institucións públicas implicadas. O reitor salientou igualmente o papel "da cidade de Vigo, que foi a que lle deu o complemento emocional a todo o proxecto".

O alcalde de Vigo resaltou a "importancia" de que a cidade competira pola Excelencia Internacional con universidades de "prestixio investigador" a nivel mundial, polo que o Concello optou por ofrecer este recoñecemento como "posta en valor" da cidade ao potencial investigador do territorio.
Descargar todas as imaxes