Escoitar

Vigo será a primeira urbe galega en recibir a mención especial "Cidades Amigas da Infancia" que outorga UNICEF

O alcalde avanzou hoxe venres que a cidade olívica recibirá o próximo luns a mención especial de UNICEF como cidade amiga da infancia, a primeira urbe galega en conseguilo. Abel Caballero asegurou que a entidade recoñece así a aposta viguesa pola infancia, como amosa a construción de novas garderías, as becas de comedor e de inglés ou os novos parques infantís.

venres, 19 nov 2010
1290173816ciudadesamigastele.gif
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, saudou este venres que Vigo sexa galardoada o próximo luns coa mención especial "Cidades Amigas da Infancia" que outorga UNICEF, sendo a primeira cidade de Galicia en conseguilo.

Caballero recordou que fai catro meses o Concello de Vigo, a través da Concellería de Educación que dirixe a socialista Laura López Atrio, solicitou a UNICEF optar a esta mención, que será concedida o próximo luns, segundo apuntou.

O alcalde asegurou que este recoñecemento premia o "esforzo moi importante" que está a realizar o goberno municipal no ámbito educativo e de ocio para os máis pequenos, e citou as novas garderías en previsión e construción, os parques infantís que se están a ampliar ou crear ou as bolsas municipais para comedor e para estudar en inglés no Reino Unido e Irlanda.

CONAMA
Na mesma comparecencia de prensa, Abel Caballero adiantou que o próximo luns viaxará a Madrid para representar á cidade olívica na inauguración de CONAMA, o Congreso Nacional de Medioambiente, xunto coa Ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño, a concelleira responsable na materia de Madrid e outras organizacións medioambientais.
Descargar todas as imaxes