Escoitar

Santi Domínguez destaca a aposta polo Museo de Castrelos coas primeiras obras de mantemento que se fan en dez anos

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, visitaron este venres as obras de reforma interior e mantemento que se están executando no Pazo de Castrelos cun orzamento de 120.000 euros. Tras a visita, o tenente de alcalde salientou a prioridade destas actuacións, as primeiras en dez anos, no obxectivo de converter ao Museo de Castrelos no elemento vertebrador da oferta museística de Vigo. <br />

venres, 19 nov 2010
O tenente de alcalde explicou que as obras, que se están a desenvolver no primeiro andar, consisten na mellora da iluminación e do sistema contra incendios, así como na substitución dos falsos teitos e obras de carpinteiría. Explicou que unha das actuación máis importantes é a actuación nas medidas contra incendios. Estase a eliminar o antigo sistema do pazo, xa en deshuso pero do que aínda quedaban restos, e ao mesmo tempo estase a mellorar o que agora está en servizo. Santi Domínguez apuntou que se cambiara o sistema de detección por zonas, por un que permita controlar as incidencias en cada punto concreto do edificio. Tamén se inclúe o cambio de extintores do sistema de pó actual a outro de auga, "para non danar os cadros en caso de ter que utilizalos".

Coa substitución dos teitos estase renovando o sistema de iluminación das salas para adaptala ás necesidades expositivas e facilitar a flexibilidade en canto ás posibilidades organizativas do museo. Ademais, o tenente de alcalde sinalou que se aproveitan as obras para instalar novas canalizacións e un novo sistema de tratamento e desinfección para evitar o problema das termitas.

O concelleiro de Patrimonio Histórico destacou que os traballos son "obras de acondicionamento e mellora cos que non se toca a estrutura". Respecto aos prazos de execución, sinalou que as obras comezaron a finais de outubro e está previsto que rematen a finais deste ano "ou como moito a principios de 2011", co obxectivo de que nesa data se inaugure no Museo de Castrelos a nova exposición centrada na historia de Vigo. Eudosio Álvarez avanzou ademáis que o 26 de novembro abrirase unha exposición na Casa das Artes cun amplo número das obras expostas ata agora no Museo de Castrelos, como paso previo á apertura da Pinacoteca.

Segundo afirmou o nacionalista, co acondicionamento do Pazo de Castrelos "pechamos o gran puzzle da rede museística". Santi Domínguez destacou que a rede de museos de Vigo complétase co impulso á Pinacoteca, o Centro Galego de Fotografía, o Museo da Radio e o Museo do Xoguete, pero que neste puzzle era fundamental a actuación de mantemento e actualización de servizos de Castrelos.