Escoitar

Xabier Alonso anuncia que o Memorial Belarmino Alonso, que se celebra o domingo, estrea percorrido "máis espectacular"

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, anunciou hoxe que a 32 edición do Memorial Belarmino Alonso de campo a través, que se correrá o vindeiro domingo 28 de decembro, estreará un novo percorrido "que será máis espectacular". Destacou que na proba participarán deportistas de todas as categorías dende benxamín ata xuvenil e júnior, tanto na modalidade masculina como feminina.

martes, 23 nov 2010
1290519641Memorial.JPG
"É obriga da Concellería de Deportes seguir apoiando sempre polo deporte popular", salientou o concelleiro. O nacionalista asegurou que Vigo é sede desta especialidade deportiva "e quero que o siga sendo aínda que non teñamos primeiras filas no primeiro nivel do estado", dixo. Para Xabier Alonso, para contar con deportistas de elite "é preciso apostar polo deporte de base".

A carreira comezará ás 10.15 horas ao carón do campo de fútbol de A Xunqueira de Comesaña. A este respecto o concelleiro de Deportes expresou os seus parabéns ao Clube Comesaña de Atletismo por propiciar o cambio de percorrido. Ademais, animou aos afeccionados e afeccionadas a presenciar a carreira. "Será un día extraordinario para que a xente á que lle gusta esta modalidade goce", afirmou.

O presidente do Clube Comesaña de Atletismo, Belarmino Alonso, e o delegado da Federación Galega de Atletismo en Vigo, Eleuteriro García, resaltaron o apoio total do Concello de Vigo e agradeceron á Concellería de Deportes o seu apoio para celebrar a proba. Finalmente, salientaron que se concederán premios en metálico aos cinco primeiros clasificados nas carreiras promesa e senior, mentres que se entregarán trofeos aos primeiros de todas as categorías e ao club gañador de cada carreira.
Descargar todas as imaxes