Escoitar

O alcalde denuncia que a Xunta quere subvencionar a Santiago voos con "dez veces máis aportación de viaxeiros" que a Vigo

Abel Caballero iniciou este martes os contactos con colectivos da cidade para pulsar a súa opinión sobre o reparto das subvencións a rutas aéreas nos tres aeroportos galegos. O rexedor asegurou que as seis conexións sufragadas a Lavacolla achegarían 266.000 viaxeiros polos 21.000 das dúas de Peinador. Caballero resaltou que empresarios, veciños e hosteleiros comparten a súa "inmensa preocupación" por un reparto "desequilibrado".

martes, 23 nov 2010
1290520419vuelo.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este luns que a proposta de financiación de rutas aéreas da Xunta de Galicia asigna "dez veces máis aportación de viaxeiros" a Santiago que á cidade olívica.

En rolda de prensa, o rexedor vigués explicou que os seis voos que o goberno autonómico propuxo subvencionar no Comité de Rutas para Lavacolla (París, Londres, Francfort, Zurich, Roma e Palma de Mallorca) aportan 266.000 viaxeiros a Santiago, mentres que o pretendido para Vigo (Sevilla e unha ruta internacional que inicialmente sería Bruxelas, aínda que non está pechado) suporía 21.000 pasaxeiros para Peinador. A Xunta "está a deixar luz verde ao aeroporto de Oporto", apuntou o socialista.

Caballero, que rexeita esta proposta autonómica por "desequilibrada", asegurou que os pasaxeiros dos voos internacionais que prevé a Xunta para Santiago proceden de Vigo e denunciou que a Xunta de Galicia quere que Lavacolla sexa o aeroporto internacional de Galicia e deixar Vigo para as conexións internas, como Madrid ou Barcelona. "O Concello non vai tolerar que a Xunta anule o aeroporto de Vigo", aseverou.

O alcalde iniciou este martes a rolda de contactos con colectivos cidadáns para abordar esta cuestión, con sendas reunións co Club Financiero de Vigo, coa Federación de Veciños e coa Federación Provincial de Hostelería. Caballero constatou que as tres comparten a súa "inmensa preocupación" polo proxecto autonómico para o aeródromo vigués, e adiantou que continuará tomando o pulso con outras entidades significativas do territorio.

Dentro das institucións coas que contactará, Abel Caballero prevé conversar coa Deputación de Pontevedra -hoxe enviou un escrito ao respecto- e indicou que "aplaudiría" que esta entidade financiase a demandada conexión viguesa con Londres. Vigo, a nivel de mercado e sen subvencións, é capaz de manter conexións regulares con París -como xa está a acontecer con Air France-, Londres e Francfort, os voos que Caballero reclamou impulsar ao Comité de Rutas.
Descargar todas as imaxes