mércores, 14 abril 2010

Raquel Díaz define o orzamento municipal de 2010 como " o máis inversor, social e educativo da historia"

A concelleira de Economía e Facenda detallou este mércores o orzamento do Concello para 2010, de 257 millóns de euros, que suma 47,3 millóns de euros en investimentos e 19 millóns para axudas ás familias. Todos os departamentos melloran as cifras para que "ningún barrio da cidade quede sen actuacións". Díaz subliñou que o Plan Económico Financeiro elaborado compromete 100 millóns de investimentos nos próximos anos, conxelación dos impostos, endebedamento cero e austeridade no gasto público.

Benestar Social amplía o programa infantil de prevención de condutas de risco con actividades en "Hoy por mañana"

mércores, 14 abr 2010

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou este mércores que o seu departamento amplía o programa de lecer infantil de prevención de condutas de risco aos barrio vigués do Calvario, cun convenio coa asociación "Hoy por mañana". A concellería sinalou que este programa se suma aos que xa se desenvolven co Plan Comunitario de Teis e a asociación Abertal, de xeito que se atenderán un total de 65 nenos e nenas.

Xesus López anuncia un obradoiro de creación artística da Fundición Nautilus que dará orixe a unha exposición

mércores, 14 abr 2010

O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou este mércores que do 19 de abril ao 21 de maio a Casa das Artes acollerá un obradoiro de creación artística realizado con material de refugallo, "Vigo Pleamar" organizado pola Fundición Nautilus. Para participar no proxecto é preciso facer unha inscrición previa e coas obras de arte resultantes se organizará unha exposición na Praza de Compostela ao longo do verán.

Visita á residencia romana de Mirambell

mércores, 14 abr 2010

A Concellería de Xuventude organiza o venres, día 16 de abril, unha visita á Vila Romana Mirambell en horario de 17:00 a 18:00 horas. As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán acudir ás 17:00 horas no igrexado do Vao que se establece como lugar de encontro.