Escoitar

Santi Domínguez destaca o prestixio que aporta a presenza de tres campións internacionais no Racingshow 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou este mércores o prestixio que aporta ao Racingshow 2010 a presenza de tres campións internacionais como Timo Salonen, Miki Biasion e Armindo Araujo. A cuarta edición do Racingshow celebrarase o 1 de maio no pavillón 3 do Ifevi, no marco do Salón do Automóbil de Vigo.

mércores, 14 abr 2010
1271249901racinshow.jpg
Santi Domínguez asegurou que a celebración do Racingshow na nosa cidade se enmarca nos obxectivos xerais da Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Turismo de "promoción da cidade a través de grandes eventos". Neste sentido, asegurou que a proba "merece o esforzo que se está levando a cabo", dado o gran éxito de público que acada en cada edición.

O tenente de alcalde felicitou tamén aos organizadores do evento, a cargo de Eventos del Motor e a Escudería Rías Baixas, "polo seu esforzo", e agradeu a súa labor a Caixanova "como impulsora deste evento", así como ao resto de patrocinadores. Finalmente, fixo un chamamento á cidadanía para achegarse ao Ifevi a ver aos tres grandes campións do mundo no mesmo recinto, "algo que non é doado", sinalou.

"O Racingshow naceu en paralelo ao Salón do Automóbil, pero despois de catro anos xa ten vida propia", asegurou José Enrique Elvira, director de Eventos del Motor. Respecto ás entradas, indicou que se poden mercar no portal de Caixanova servinova.com a un prezo de 15 euros antes do 22 de abril e 20 euros posteriormente.
Asegurou que se trata dun evento que nesta edición presenta diversas novidades. En primeiro lugar destacou a participación de tres campións do mundo "grazas aos apoios de Tenencia de Alcaldía e Caixanova para que a proba subira un chanzo nos parámetros da calidade".

Outra das novidades do Racingshow é o novo trazado exterior desta edición, co que se amplía o percorrido para que os coches poidan ofrecer o "mellor espectáculo", destacou o responsable da organización, e con gradas para seguir en directo a proba nesta parte do circuito. Ademais, o evento terá lugar nunha soa xornada, fronte as tres de xornadas pasadas. Deste xeito, pola mañá terán lugar os adestramentos e pola tarde serán as roldas de clasificación, a presentación dos pilotos e a final e a súper final da carreira de campións.

O responsable da organización sinalou tamén que a proba será transmitida pola TVG, pero cun retardo dunha hora. Finalmente, salientou que se celebrará un concurso a través de sms para que dous afeccionados poidan ir de copiloto na final da carreira.

O presidente da Escudería Rías Baixas, Fernando Mouriño, pola súa banda, asegurou que a proba cumpre todos os requisitos de seguridade tanto para participantes como espectadores. O responsable de márketing de Caixanova, José Abelleira, destacou o acerto que supón "completar a faceta de negocios do Salón do Automóbil coa faceta deportiva", coas que Caixanova "se sinte honrada en colaborar".
Descargar todas as imaxes