Escoitar

Xesus López anuncia un obradoiro de creación artística da Fundición Nautilus que dará orixe a unha exposición

O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou este mércores que do 19 de abril ao 21 de maio a Casa das Artes acollerá un obradoiro de creación artística realizado con material de refugallo, "Vigo Pleamar" organizado pola Fundición Nautilus. Para participar no proxecto é preciso facer unha inscrición previa e coas obras de arte resultantes se organizará unha exposición na Praza de Compostela ao longo do verán.

mércores, 14 abr 2010
1271250266vigopleamar.jpg
"Foi doloroso este camiño inciado a finais do 2008, polo pasamento de Xosé Guillerme, unha figura fundamental na cultura de Vigo e irrepetible como persoa", sinalou o nacionalista na presentación do proxecto, na que tamén participaron o actual presidente da Fundición e fillo de Xosé Guillerme, Sagar, e o seu coordinador de produción, Adrián Fachal. O concelleiro indicou que o primeiro obxectivo do proxecto era organizar unha exposición no 2009, pero que tras o pasamento do "capitán" da Fundición Nautilus a iniciativa precisou unha reformulación que deu lugar a "Vigo pleamar".

A primeira fase do proxecto consistirá na creación das obras partindo do material máis diverso, dende caixas de cartón, plástico, botellas ou chapas, que terá lugar na Casa das Artes en dúas quendas, de 11.30 a 14 horas e de 17 a 19.30 horas. Poderán participar 80 persoas, a partir dos 13 anos, pero segundo especificou o concelleiro de Cultura non é preciso que teñan nin formación nin experiencia artística previa.

Xesus López explicou que a segunda fase do proxecto se desenvolverá na Praza de Compostela, ao longo do verán, a través dunha montaxe expositiva cos obxetos creados e que amosará a historia da cidade a través do mar. Finalmente, agradeceu á Fundición Nautilus "por continuar con este traballo que quedou inacabado" e convidou aos afeccionados á creación artística a participar na iniciativa.

O presidente da Fundición Nautilus, pola súa banda, destacou que "Vigo pleamar" é un "proxecto homenaxe a Xosé Guillermo e as súas ideas", posto que o proxecto é "un reto como primeiro traballo sen o capitán". Asegurou que coa posta en marcha desta iniciativa se pretende "achegar os soños e facelos presentes na vida de todos nós". Para elo, indicou que a creación das pezas se fará mediante material de refugallo e a partir da historia de Vigo, "ligada polo mar, que consideramos que é o nexo de todos nós".

Finalmente, o encargado da produción, Adrián Fachal, destacou o carácter participativo do proxecto e agradeceu o apoio da Concellería de Cultura para poñelo en marcha. "A Fundición Nautilus busca a colaboración da cidadanía para crear a historia de Vigo de xeito simbólico, polo que convidamos a todos e todas a participar nesta instalación", indicou.
Descargar todas as imaxes