Escoitar

O alcalde e os candidatos do PSdeG-PSOE ao Congreso e ao Senado por Pontevedra fan balance da lexislatura que remata

O alcalde, Abel Caballero, reuniuse este mércores no Concello cos candidatos do PSdeG-PSOE ao Congreso e ao Senado pola provincia de Pontevedra para realizar un balance da lexislatura que agora chega á súa fin.

mércores, 13 feb 2008
1202919349reunioncandidatos130208.jpg
Rematado o encontro, Caballero compareceu ante os medios de comunicación acompañado polos candidatos para manifestar as aspiracións do partido ao que pertence de ser a forza máis votada na provincia de Pontevedra e conseguir nesta circunscripción catro escanos no Congreso e tres no Senado.

O alcalde xustificou estas expectativas facendo un repaso dos beneficios que, ao seu ver, ten reportado á cidade de Vigo a acción do Goberno central durante a presente lexislatura. Caballero salientou que os compromisos do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero con Vigo "están todos no BOE" e mencionou, neste sentido, a chegada á cidade do AVE, as melloras no aeroporto e no porto e as autovías ao Porriño e Pontevedra.

Carmela Silva, concelleira de Urbanismo e cabeza de lista do PSdeG-PSOE para o Senado, lembrou as políticas desenvolvidas polo Goberno central nos últimos catro anos para asegurar que no seu partido están "convencidos de que despois do 9 de marzo haberá un Goberno socialista". A candidata ao Senado engadiu que tanto ela como os restantes candidatos do PSdeG-PSOE pola provincia de Pontevedra "queremos ser a voz deste Goberno municipal en Madrid".

Pola súa parte, Antón Louro, que encabeza a lista ao Congreso, afirmou que esta foi "unha lexislatura moi importante para España", xa que supuxo "catro anos de crecemento económico, de emprego e de novos dereitos sociais e civís". Louro quixo facer ademais unha lectura deste período desde Galicia e desde Vigo, ámbitos para os que, segundo asegurou, estes foron "catro anos decisivos e determinantes", xa que neles viron "encauzadas e encamiñadas" as súas necesidades.
1202919349reunioncandidatos130208.jpg
1202919360candidatos130208.jpg
Descargar todas as imaxes