Escoitar

Última semana para visitar a exposición "Tempo ao Tempo" no MARCO

Esta é a última semana na que permanecerá aberta ao público a exposición "Tempo ao Tempo", a mostra conmemorativa do 5º aniversario do MARCO, que foi inaugurada o 19 de outubro de 2007, e que se clausura este domingo 17 de febreiro. Unha mostra colectiva que ten como fío argumental o paso do tempo, e que reúne 41 obras de 34 artistas, dende os históricos dos anos sesenta até pezas de artistas máis novos nados na década dos setenta, incluíndo obras producidas específicamente para esta ocasión.

martes, 12 feb 2008
1202824104tempoaotempo120208.JPG
Ademais da exposición en salas, que excepcionalmente ocupou todos os espazos do edificio, "Tempo ao Tempo" estivo acompañada dun amplo programa de actividades paralelas, como o programa educativo "Tic-Tac" (dirixido a escolares, público infantil e familias); o obradoiro do artista David Lamelas, participante na exposición; o ciclo de cine "Filmando o tempo" en colaboración con Cineclube Lumière, a mostra documental na Biblioteca, e moi especialmente as actividades relacionadas coa Festa do 5º aniversario a mediados de novembro.

Proba da boa acollida recibida por esta exposición por parte do público e dos medios de comunicación foron as cifras de visitantes (máis de 45.000 dende a inauguración até o 10 de febreiro) e as páxinas dedicadas a esta mostra en medios especializados, incluída a súa elección entre as 10 mellores exposicións de 2007 en España, segundo o balance publicado cada ano pola revista "El Cultural".

Unha vez clausurada esta exposición, as próximas inauguracións no MARCO terán lugar en tres semanas consecutivas: "Próspera. Carme Nogueira" o 22 de febreiro, "Xeopolíticas da animación", o 28 de febreiro, e "Paraísos indómitos", o 7 de marzo.

"Tempo ao Tempo". Cinco anos do MARCO

Datas: do 19 outubro de 2007 ao 17 febreiro de 2008
Lugar: todos os espazos do MARCO
Horario: martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00; domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisarios: Isabel Carlos e Iñaki Martínez Antelo.
Descargar todas as imaxes