Escoitar

O MARCO ofrece obradoiros de reciclaxe e natureza dirixidos especialmente a nenos e nenas

Os nenos e nenas a partir de 3 anos poden participar nos obradoiros de reciclaxe e natureza que, co título de "Paraísos Naturais", se desenvolverán ata o próximo 26 de abril no Laboratorio das Artes do MARCO.

luns, 11 feb 2008
1202740711paraisos091108.JPG
Inauguración dos obradoiros, o pasado venres
Os obradoiros de reciclaxe e natureza, especialmente dirixidos a público infantil a partir de 3 anos, enmárcanse no programa "Natureza no Camiño", un amplo conxunto de actividades organizadas pola Alcaldía e a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Vigo en distintos puntos da cidade e arredores, que ten como liñas básicas a educación para a sustentabilidade e o respecto ao medio natural.

Dentro deste programa, os obradoiros do MARCO ofrecen a posibilidade de combinar sensibilización sobre o medio ambiente e educación artística a través de actividades nas que a reciclaxe é o elemento fundamental. Un novo enfoque no respecto polo noso medio e a educación para a sustentabilidade, e unha forma de traer a natureza dentro dos espazos do museo.

Os obradoiros formúlanse ao mesmo tempo como actividade complementaria da exposición "Paraísos Indómitos", que se inaugurará o 7 de marzo nas salas do primeiro andar. Unha mostra colectiva, comisariada por Virginia Torrente e coproducida polo MARCO e o Centro Andaluz de Arte Contemporáneo, que parte da idea da fascinación que producen os espazos naturais que se sitúan fóra do control humano. Diferentes visións da natureza por parte de 20 artistas contemporáneos que van dende a ollada documental á contemplación estética, a visión romántica ou o sentimento de denuncia.

Áreas temáticas

O programa de obradoiros está estruturado en cinco áreas temáticas: "O bosque", "A praia", "O río", "O monte" e "A reciclaxe". "A reciclaxe" é unha compoñente transversal a todas as demais, como un fío condutor presente en todas as actividades. Cada unha das áreas corresponde a varias sesións de obradoiros distribuídas no calendario, de modo que o tema do día pode ser o mesmo, pero a actividade será sempre diferente. Os materiais utilizados nos obradoiros inclúen diversos tipos de papeis, cartóns, pinturas, obxectos, materiais de refugallo, e elementos directamente procedentes da natureza.
Descargar todas as imaxes