Escoitar

O Pleno rexeita a reprobación do alcalde e a dimisión do concelleiro de Seguridade

PSdeG-PSOE e BNG rexeitaron este luns cos seus votos no Pleno da Corporación a dimisión do concelleiro de Mobilidade, Transportes e Seguridade, Xulio Calviño, e a reprobación do alcalde, Abel Caballero. O PP solicitara estas medidas ao considerar que existiron irregularidades no relativo ao acceso dos cidadáns á sesión plenaria do pasado 29 de decembro, na que se aprobou o Plan Xeral.

luns, 11 feb 2008
1202739696pleno110208b.jpg
A decisión adoptada polo Pleno deste luns foi defendida pola concelleira de Urbanismo, Carmen Silva, quen asegurou que o PP non ten "nin un só dato, nin un só informe, nin unha soa evidencia" que avale a súa solicitude. Silva afirmou que os informes da Policía Local dos que dispón o Goberno "reflicten con exactitude os feitos" e "son os únicos válidos". Segundo a concelleira, os informes policiais relatan que o 29 de decembro había ás portas do Concello "persoas dispostas a xerar situacións de violencia" no Pleno.

A esta afirmación, Xulio Calviño engadiu que o que fixo a Policía o 29 de decembro "foi asegurar en todo momento a entrada do público na súa orde de chegada". Calviño pediulle ao PP, ademais, "respecto á Policía Local e aos seus membros".

En representación do grupo da oposición, o viceportavoz do PP, José Manuel Figueroa, referiuse a "informes que vostedes non recolleron nos seus documentos". Estes informes, segundo explicou Figueroa, contradín a versión dos feitos sostida desde o Goberno municipal, xa que neles se afirma que unha serie de persoas "designadas co seu dedo" e vinculadas na súa maior parte ao PSdeG-PSOE foron as que ocuparon o Salón de Plenos o día 29 de decembro. Por este motivo, o concelleiro do PP finalizou a súa intervención solicitando a reprobación do alcalde e pedindo o cesamento do concelleiro de Seguridade "porque é coñecedor do que pasou".
Descargar todas as imaxes