Escoitar

Tenencia de Alcaldía porá en marcha o proxecto "O noso taxi" para mellorar a mobilidade das persoas dependentes

O proxecto "O noso taxi", co que se pretende mellorar a mobilidade das persoas con dependencia, estará en funcionamento en tres meses, segundo anunciou este martes o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, tras a reunión que mantivo co vicepresidente da Asociación de Autotaxis, Aurelio Bolaño. No encontro, que se enmarca na rolda de reunións que o tenente de alcalde mantén cos colectivos relacionados coa imaxe da cidade e a súa promoción, tamén se tratou o tema da formación dos taxistas en materia de idiomas.

martes, 12 feb 2008
1202825180tenenciareunion120208.jpg
"Coa iniciativa "O noso taxi" queremos favorecer a capacidade de mobilidade que teñen as persoas con algún tipo de dependencia mediante a utilización do taxi co mesmo custo que o transporte urbano colectivo", explicou Santiago Domínguez, quen sinalou que a iniciativa, xa contemplada no programa do BNG para as últimas eleccións municipais, levarase a cabo entre a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social, que dirixe a concelleira María Méndez.

Segundo o tenente de alcalde, tense constatado que boa parte dos problemas de mobilidade dependen da dificultade para acceder ao transporte, polo que na reunión tratouse de como concretar este servizo. "Neste momento estase a traballar nas cuestións administrativas", indicou Santiago Domínguez. O custo da viaxe será aproximadamente de un euro, pagado polo usuario mediante un bono que entregará ao taxista, que este canxeará posteriormente. Para acceder aos bonos, os usuarios deberán realizar a tramitación correspondente para acreditaren a súa dependencia. O sistema, segundo indicou o tenente de alcalde, será similar ás tarxetas de minusválidos para o estacionamento.

"Queremos que sexa un sistema moi áxil e a Tenencia de Alcaldía dispón de entre 60.000 e 70.000 euros para cubrir o servizo que se ofrecerá este ano", subliñou Santiago Domínguez, quen cualificou de moi positiva a acollida desta iniciativa por parte do sector, cuxos representantes se amosaron dispostos a prestar a súa colaboración.

No tocante á promoción turística da cidade, durante a reunión trataron da formación en idiomas dos taxistas, algúns dos cales xa están adquirindo a través de programas europeos, así como da posibilidade de que na temporada forte de visitas de turistas á cidade, ao lado das casetas de información turística poida haber tamén información sobre o servizo de taxis na cidade. Outra posibilidade é a de que os propios taxistas reciban subvencións para colocaren nos seus taxis placas indicativas dos idiomas que falan.
Descargar todas as imaxes