Escoitar

Young Marble Giants e os congoleses Konono No.1 protagonizan o primeiro semestre do Festival Sinsal de Vigo

Tres propostas procedentes de Gales, Congo e Brasil van centrar o primeiro semestre do Festaval Sinsal 6, encontro de referencia da música avanzada en Galicia. Os míticos Young Marble Giants, que volven aos escenarios case trinta anos despois de editaren o fulcral "Colossal Youth", e os congoleses Konono No.1, a faciana menos coñecida da música africana, protagonizan un programa que principiará este luns 18 coa actuación dos brasileiros Kassin+2.

mércores, 13 feb 2008
1202912388kassinmaisdous.jpg
Kassin+2
Chegado de Río de Janeiro nunha das xiras máis agardadas pola crítica especializada europea, o proxecto que Moreno Veloso, fillo de Caetano Veloso, comparte cos músicos cariocas Domenico Lancellotti e Alexandre Kassin supón unha revisión da ricaz tradición musical do seu país.

En "Futurismo" (2007), o mesmo que nos seus anteriores traballos, achan acubillo o samba, a bossa nova ou a música popular brasileira dos anos sesenta ao mesmo tempo que o rock de garaxe, o favela funk ou a electrónica sutil. O resultado é Kassin+2, un interesante e actualísimo retrato da diversidade cultural do Brasil do que se poderá gozar o vindeiro luns, a partir das 21.00 horas, no auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo. As entradas, ao prezo de 12 euros, xa están á venda na billeteira electrónica da entidade (www.servinova.es) e no teléfono 902 504 500.

A segunda cita, no Salón Sinsal que se vén celebrado no MARCO en paralelo ao festival, será para os italianos Zu o vindeiro 16 de abril. Con dez anos de experiencia, catorce discos no mercado e máis de mil concertos ás costas en todo o mundo, este trío de instrumentistas segue a investigar nas fronteiras entre o rock e o free jazz, unha combinación na que poñen tanta paixón como virtuosismo e que os levou a colaborar con artistas como Mike Patton, The Melvins, Fugazi ou The Ex, entre outros.

Un mes máis tarde, o 29 de maio, de volta no auditorio de Caixanova, quenda para Young Marble Giants, unha desas bandas, como Joy Division, ás que lles abonda cun disco para entrar de vez na historia da música popular contemporánea. Ademais, no seu caso, co brillante "Colossal Youth", conseguírono por partida dupla: o primeiro cando se editou, en 1980, e logo coa súa reedición en 2007, coartada para unha das reunións máis agardadas dos últimos anos. Nome fundamental da "new wave" británica, banda de culto dende hai un cuarto de século e unha das referencias máis importantes doutra icona da música, o finado Kurt Cobain, os Young Marble Giants seguen a impactar. Fixérono no Hay Festival o ano pasado e intentarán facelo de novo na súa visita a Vigo.

Por último, á espera de novas confirmacións para o Salón Sinsal, o teatro do Centro Cultural Caixanova recibirá o 28 de xuño a Konono No.1. Unhas 1.200 persoas poderán gozar do espectáculo do grupo congolés que cativou á islandesa Björk, coa que veñen de gravar un tema para o seu último disco baixo a produción do popular Timbaland.

Iniciado hai 25 anos por Mingiedi, un virtuoso do "likembé" ou piano de polgar, instrumento tradicional do seu país, este proxecto deixa de lado os tópicos da música africana (tambores contundentes e delicadas "koras") para facer unha proposta singular: con métodos puramente artesanais, empregando ferralla ou mesmo precaria tecnoloxía colonial, como os altofalantes que usaban os belgas para difundir a súa propaganda, os Konono No.1 electrifican os sons da etnia bazombo para producir un son inverosímil, saturado e distorsionado. O que comezou como un xeito de combater o infernal ruído das rúas de Kinshasa é hoxe un espectáculo que conta coa beizón da crítica especializada, como as revistas Wire ou Mojo, e dos medios xeneralistas máis influíntes, caso de New York Times, The Guardian e Libération.
1202912388kassinmaisdous.jpg
1202912407zu.jpg
1202912441youngmarblegiants.jpg
1202912461kononono1.jpg
Descargar todas as imaxes