Escoitar

Aprobada a cesión dunha parcela para un centro de día e unha galescola na rúa O Grove

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo acordou este xoves por unanimidade propor á Xunta de Goberno Local a cesión gratuíta ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar dunha parcela do Concello situada na rúa O Grove. A entidade beneficiaria destinará o terreo á construción dun centro de día e dunha galescola.

xoves, 11 out 2007
1192104110xeren081007.jpg
A cesión da parcela ten un prazo de 30 anos e está suxeita, entre outras cláusulas, á execución das obras do centro de día e da galescola, por parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, nun período máximo de tres anos. Ademais, o cesionario deberá remitir cada cinco anos ao Servizo de Patrimonio do Concello a documentación que acredite o destino dos bens.

A Xunta de Goberno tamén deberá decidir sobre outras propostas que pasaron este xoves polo Consello da Xerencia. Así, a de adxudicar, tal e como acordou por unanimidade a Mesa de Contratación, o contrato do servizo de vixilancia e seguridade do edificio da Xerencia Municipal de Urbanismo á empresa Compañía de Protección y Vigilancia Galaica. O prazo de execución deste contrato é de dous anos, cun prezo anual duns 45.000 euros.

Ademais, o Consello da Xerencia propúxolle á Xunta de Goberno a aprobación definitiva dos proxectos de urbanización da Unidade de Actuación Industrial II-3 de San Andrés de Comesaña e da UE I-02 de Regueiro, así como a do proxecto modificado da urbanización UE I-01 de Vilalaura.

Comisión Delegada

Por outra parte, o Consello da Xerencia acordou, por unanimidade, convocar con urxencia a Comisión Delegada do Plan Xeral. Esta medida foi proposta polo BNG mediante unha moción urxente na que se insta os grupos políticos a "volver ao consenso sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal". Os nacionalistas solicitaron tamén que se fixe na orde do día da Comisión "a exposición da mecánica de traballo" en canto ao Plan Xeral se refire.
Descargar todas as imaxes