Escoitar

"Tardes e Noitas Vivas", unha alternativa de ocio para mozas e mozos

Dende o 19 de outubro e ata o 29 de decembro, a Concellería de Xuventude pon en marcha unha nova programación de ocio alternativo, durante as fins de semana, "Tardes e Noites Vivas" e que ven de presentar a concelleira Iolanda Veloso.

mércores, 10 out 2007
1192009769noites.jpg
Tardes e Noites Vivas é un programa que oferta un gran abano de posibilidades e que sempre está cheo de novas propostas para que os/as mozos/as de Vigo poidan saír da súa rutina e investir o seu tempo de ocio nas fins de semana dun xeito alternativo ao habitual, divertíndose, compartindo experiencias e desenvolvendo actividades de calidade que fomenten estilos de vida positivos e saudables.

Trátase de crear espazos alternativos lúdicos onde os/as adolescentes e os mozos e mozas sexan os verdadeiros protagonistas, implicándose, para elo, tanto na definición e desenvolvemento das actividades como na participación nas mesmas.

Así, pois, para a realización deste programa, a Concellería de Xuventude conta coa participación e colaboración de mozos e mozas de diferentes entidades relacionadas co eido xuvenil (asociacións xuvenís, vogarías xuvenís de asociacións veciñais, un centro de ensino secundario, etc.).

Espazos e horarios

Na edición de outono, este programa contará cos seguintes espazos e horarios:
-Punto Xove (r/ López de Neira, 27): venres e sábados de 22:00 a 01:00h.
-Espazo Xove do Castro (no Monte do Castro, ao carón da pista de bicicletas): venres e sábados de 17 a 23:00h.
-Pavillón deportivo do Instituto de Ensino Secundario O Castro (r/J.G. Posada Curros, 1. Entrada polo lateral, fronte á pista deportiva): venres e sábados de 22:00 a 1:00h.
-Pavillón Municipal de Deportes do Berbés (r/ Jacinto Benavente,1): venres e sábados de 23:00 a 1:30h.
-Pavillón Municipal de Deportes de Coia (Avda. Castelao s/n): os venres de 23:00 a 1:00h.
-A.X. Cancerbero (r/ Heraclio Botana, 6 Baixo esquerda): os venres de 22:00 a 2:00h.
-A.V. Camiño V. De Coia (r/ Marín, 1): os venres de 19:00 a 21:00h.

Actividades

As actividades a desenvolver van variando en cada edición co obxecto de adaptarse progresivamente á demanda e interese dos mozos e mozas. Así pois, está previsto que nesta edición de outono se leven a cabo as seguintes:

a)Actividades lúdicas: Actividades amenas e divertidas, con atractivo para a noite e que mobilizan a un número importante dos/das asistentes. Entre elas podemos destacar: Xogos de rol, bailes (de salón, moderno, latinos, orientais, fanky, salsa, hip-hop, ...) capoeira, batuka, breakdance, karaoke, teatro, stepmanía, etc.

b)Actividades deportivas e xogos: Baloncesto, pachangas, tai-chi, musculación, squash, aeróbic, cardio-box (aeróbic+boxeo), defensa persoal, parkour, etc.

c)Obradoiros: Cada tarde-noite realizaranse varios e en distintos puntos, de xeito que haxa un amplo abano e poidan interesar a diferentes perfís de mozas e mozos (coiro, cociña, goma-espuma, ganchillo, origami, atrapasoños, masaxes, xabóns naturais, sales de baño, chapas, reciclaxe, cócteles e zumes, iniciación ao teatro, tatuaxes de henna, reflexoterapia, técnicas para ligar, bonsais, etc.).

d)Acceso ás novas tecnoloxías: Acceso a internet, liga de xogos en rede, chat, messenger, deseño de blogs e fotoblogs, deseño de web, conexión wifi, conexión bluetooth, noites de Wii cio, frets on fire ou tocar a guitarra co teclado do Pc, etc.).

e)Espazos para quedar: Espazos a disposición dos mozos e mozas que poden funcionar coma punto de encontro e reunión. As actividades a desenvolver neste espazo serán libres (xogos de mesa, xadrez, xogos de enxeño, futbolín, ping-pong, etc.).

Novidades

-Entra en funcionamento un novo espazo dentro do programa Tardes e Noites Vivas: Trátase do Punto Xove situado no centro da cidade, concretamente na rúa López de Neira, 27.

-Ti es a estrela: Actividade dirixida a mozos e mozas que queiran amosarlle aos demais as súas dotes artísticas: bailes, monólogos, interpretación, etc. O venres, 26 de outubro, ás 23:30h. terá lugar a presentación desta actividade no pavillón do Berbés. A partires dese intre, as persoas interesadas poderán inscribirse para a realización dun cásting, que terá lugar nese mesmo espazo o sábado 1 de decembro. As actuacións en directo dos finalistas celebraranse o día de remate desta edición de Tardes e Noites Vivas.

-Noite de Wii cio: No Punto Xove de López de Neira , mozas e mozos poderán "wii ciar" a gusto nas tardes-noites dos venres e sábados, ou o 30 de novembro na Asociación Xuvenil Cancerbero. A diversión está asegurada.

-Parkour (ou arte do desprazamento): O pavillón do Instituto do Castro acollerá a mozos e mozas que xa practican esta disciplina e a outros/as que queiran iniciarse. Esta modalidade consiste en desprazarse polo medio urbano ou natural superando aqueles obstáculos que se atopen no percorrido, empregando para elo unicamente o corpo. Precisa de preparación física, pero tamén dunha mente decidida e con ganas de superar os propios medos, concentración e un espírito forte.

-Stepmanía ¿Tes a cabeza nos pés?: Videoxogo de simulación de baile, gratuíto e de software libre. O xogo consiste en reproducir os pasos, que van aparecendo na pantalla, nunha alfombra conectada ao Pc. Deste xeito, o xogador/a debuxa unha coreografía. Esta actividade poderase realizar no Espazo Xove do Castro.

-Sala de estudo: Pensada para aqueles e aquelas que necesitan estudar pero non poden, ou non lles apetece, facelo na casa. Venres e sábados, dende o 23 de novembro ata o 15 de decembro, en horario de 21:00 a 2:00h., no Punto Xove.

-Nesta edición de outono, o programa Tardes e Noites Vivas quere agradecer a participación da xente moza. Para elo repartiranse miles de agasallos entre os/as usuarios/as do programa. Cada día sortearanse nas diferentes sedes unhas bolsas – petate e, unha vez rematado o programa, farase o sorteo de 25 MP4, 20 marcos dixitais, 20 altavoces para Pc con webcam e micro incorporados e 3 bicicletas plegables.

Para máis información:
Casa da Xuventude, rúa López Mora, 31. Teléfono: 986 294 806
www.xuventudevigo.org Correo electrónico: xuventude@vigo.org
Descargar todas as imaxes