Escoitar

"Absoluta cordialidade" na reunión entre o alcalde e o reitor da Universidade de Vigo

O reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, foi recibido este martes no Concello polo alcalde, Abel Caballero, con quen tratou temas de interese na relación entre ambas as institucións, como o transporte entre a cidade e o campus e a habilitación de lugares de estudo para os estudantes.

martes, 9 out 2007
1191937670reitor091007.jpg
O encontro desenvolveuse nun "clima de absoluta cordialidade", segundo asegurou Caballero. Neste sentido, o alcalde, manifestou a "vontade do Concello de Vigo de cooperar activamente coa Universidade en todos os aspectos da nosa competencia".

Entre estes, Abel Caballero mencionou o sistema de transportes entre a cidade e o campus, dentro do cal é unha "necesidade perentoria" a saída ao campus desde a autoestrada Vigo-Baiona, como tamén sinalou Alberto Gago.

O reitor, ademais, mostrou o seu desexo de que "non haxa a avalancha do ano pasado" nas bibliotecas e lugares de estudo con que conta a Universidade, entre elas a de Peritos, que chega a estar "saturada" en determinadas épocas.

Entre as peticións formuladas por Gago a Caballero figura tamén a sinatura dun convenio que reflicta "todas as posibilidades de investimento" do Concello na Universidade.

Finalmente, o alcalde manifestou a súa intención de que "independentemente da sinatura deste convenio" se incremente o número de estudos que desde a Universidade de Vigo se fan para o Concello. Neste sentido, Caballero lembrou que só sete dos 185 estudos e proxectos de investigación encargados polo Concello desde 2005 foron realizados pola Universidade de Vigo.
Descargar todas as imaxes