Escoitar

Proposta a aprobación do orzamento da Xerencia de Urbanismo para 2008

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo acordou este luns propor ao Pleno a aprobación do orzamento do organismo autónomo para 2008, que ascende a 6,5 millóns de euros e contempla, entre outras medidas, a creación dunha Oficina Municipal da Vivenda e do Solo.

luns, 8 out 2007
1191845552xeren081007.jpg
A decisión foi adoptada cos votos favorables de PSdeG-PSOE e BNG e a abstención do PP no transcurso dunha xuntanza de carácter extraordinario, despois de retirarse este punto da orde do día do Consello do pasado xoves para que os grupos políticos puidesen estudar a proposta.

A concelleira de Urbanismo, Carmen Silva, defendeu no Consello deste luns a aprobación do orzamento da Xerencia argumentando que permitirá "ter capacidade suficiente para iniciar un novo modo de entender a actuación urbanística en Vigo". Así, Silva explicou que o novo orzamento consigna "o necesario" para facer fronte aos compromisos adquiridos polo Concello en materia urbanística, entre os que destacan a aprobación do Plan Xeral e do Plan Especial do Ensanche.

Outra previsión é a de máis dotación de persoal para a xestión do urbanismo, o que servirá, segundo afirmou a concelleira, para crear a Oficina Municipal da Vivenda e do Solo, que "facilitará vivenda de calidade a prezos asequibles". Ademais, Carmen Silva situou entre as vantaxes do novo orzamento da Xerencia unha maior eficacia da Oficina de Rehabilitación e da Inspección Técnica de Edificios e unha maior axilidade no control das infraccións urbanísticas e no outorgamento de licenzas. O incremento da dotación de recursos humanos para contribuír a aplicar estas medidas consistirá en cubrir seis prazas existentes na Xerencia e seis no cadro de persoal do Concello.

En representación do PP, a concelleira Lucía Molares explicou a abstención do seu grupo cualificando de "pouco ambicioso" o novo orzamento da Xerencia e asegurando que "non é a resposta que a cidade necesita". Molares criticou as previsións de gastos e ingresos propostas polo Goberno local indicando que "non se van cumprir" e avogou, fronte á creación da Oficina Municipal da Vivenda e do Solo, polo establecemento dunha Empresa Municipal do Solo.
Descargar todas as imaxes