Escoitar

A Casa das Artes inaugura a exposición "Nazón de Breogán. Un xeito de soñar Galicia"

A Exposición "Nazón de Breogán" que se poderá visitar na Casa das Artes do 8 de outubro ó 11 de novembro, fai un percorrido pola historia do país ata o ano 1936 dun xeito lúdico e visual. A mostra está organiza pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e pola concellería da Área de Cultura e Animación Sociocultural. Concello de Vigo.

venres, 5 out 2007
1191590256breogan.jpg.jpg
A través de paneis, a mostra propón un xeito de soñar Galiza. A exposición achega ademais ao espectador a unha realidade histórica moitas veces descoñecida, marcada pola cultura castrexa, o Reino de Galiza, ou personaxes coma Prisciliano, Xelmírez, Murguía ou Antón Vilar Ponte, que forman parte da nosa historia e da nosa realidade como pobo.

A exposición conmemora ademais o 70 aniversario da celebración do Plebiscito do Estatuto de 1936, un referendo que contou coa participación do 75 por cento do censo e no que se aprobou un texto resultado do esforzo de xentes coma Castelao, Bóveda e outros moitos que traballaron polo autogoberno do país, pero que nunca viron cumprido o seu soño. Un mes despois de terse celebrado o plebiscito, o proceso de autonomía viuse interrompido polo alzamento militar contra a II República.

A mostra comezou a súa andaina en xuño do ano pasado en Santiago, coincidindo co 70 aniversario do plebiscito do Estatuto de 1936. Nazón de Breogán está a ter unha grande afluencia de público - 20.000 persoas visitárona na súa primeira apertura ao público en Santiago – polo que se organizou un programa itinerante polas diferentes cidades do país. Esta mostra pasou xa polas cidades de Coruña, Ourense, e Carballo, Pontevedra e Lugo.

A exposición poderá visitarse en horario de:
Luns a venres: 18.00 – 21.30 h.
Sábados: 11.00 – 14.00 h.
18.00 – 21.30 h.
Domingos e festivos: 11.00 – 14.00 h.
Descargar todas as imaxes