Escoitar

O MARCO ofrece unha panorámica da arte francesa contemporánea

Obras de 19 creadores franceses contemporáneos conforman a mostra "Novos Horizontes", que se poderá visitar no MARCO ata o 30 de setembro. O obxectivo desta exposición é ofrecer ao público unha panorámica o máis completa posible da escena artística actual en Francia.

xoves, 30 ago 2007
11884712771180961443perrin.jpg
Frank Perrin: Joggers, La Baule 001, 1998 [Postcapitalism Section 09]
"Novos Horizontes" reúne un grupo de creadores que nos últimos anos comezaron a despuntar na escena artística internacional. A exposición, que viaxa a Vigo tras a súa presentación no CRAC Alsace e La Centrale Électrique de Bruxelas, articúlase ao redor de diferentes temas que se entrecruzan e que deixan intuír un fío condutor, unha común preocupación dos artistas polo seu contexto político e social. Nados todos eles en Francia, forman parte dunha xeración que vén desenvolvendo a súa actividade artística durante os últimos vinte anos, e abordan temas latentes no panorama social, político e cultural da Francia actual.

A selección da comisaria agrupa, de modo intencionado, unha gran maioría de artistas que son pouco coñecidos fóra das fronteiras do seu país, xunto a outros con máis presenza e traxectoria no contexto internacional.

Na distribución e a montaxe das obras nas salas do MARCO intentouse, por unha parte, evidenciar as diferenzas, reforzando o carácter individual de cada peza, e ao mesmo tempo subliñar certos vínculos e agrupamentos entre as obras, sexa en relación cos seus contidos ou nos temas que abordan, os medios e soportes utilizados, e a súa relación e comunicación co espectador.

Dentro desta diversidade, a análise de contidos permite unha clasificación en varios eixos temáticos, que á súa vez se entrecruzan segundo as intencións de cada artista e a súa presenza en salas. Así, as obras que teñen á relixión como tema central (os retratos dunha comunidade de Clarisse Hahn e o problema da identidade nos vídeos de Valérie Mréjen) combínanse coa análise do contexto sociopolítico (as críticas e crónicas modernas do mundo capitalista en Bruno Serralongue e Vincent Labaume; as tramas terroristas e a paranoia colectiva en Alain Declerq) e coas particulares interpretacións da sexualidade e a violencia na instalación de Philippe Meste ou na ambigüidade transgresora de Brice Dellsperger.

A relación co mundo da infancia, do cine e do cómic de Corinne Marchetti, Katia Bourdarel, Amandine Sacquin e Virginie Barré contrasta coa aguda e irónica visión da sociedade actual nas obras de Bruno Peinado e Patrick Jeannes e nas fotografías de Fabien Rigobert. A reflexión sobre a imaxe en movemento e a súa interacción co público, sexa a través da televisión, o vídeo ou as novas tecnoloxías, está representada na instalación visual e sonora de Julien Discrit no panóptico central, o eclipse virtual de Laurent Grasso, o vídeo interactivo de Martín Le Chevallier, ou a videoinstalación de Élodie Huet, que esixe a participación de dous visitantes para ser entendida por completo. Todas estas obras fálannos da relación espazo-tempo, e a súa capacidade de comunicación co espectador.

Como arrinque e final da exposición e como imaxe do catálogo desta mostra colectiva, unha fotografía da gran praia atlántica de La Baule, obra de Frank Perrin, recibe e despide os visitantes desde a fachada do museo.

"Novos Horizontes" reúne un total de 67 obras, entre fotografías (Katia Bourdarel, Vincent Labaume), vídeos (Virginie Barré, Katia Bourdarel, Brice Dellsperger, Laurent Grasso, Clarisse Hahn, Martin Le Chevallier, Valérie Mréjen), instalacións (Virginie Barré, Alain Declercq, Julien Discrit, Philippe Meste, Bruno Peinado), videoinstalacións (Élodie Huet), esculturas (Virginie Barré, Vincent Labaume, Corinne Marchetti), pinturas (Patrick Jeannes), debuxos (Élodie Huet, Virginie Barré) e maquetas (Katia Bourdarel).

Ficha

DATAS: do 1 de xuño ao 30 de setembro
LUGAR: MARCO. Salas de exposición da planta baixa
HORARIO: de martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00 horas; domingos, de 11.00 a 15.00 horas
COPRODUCIÓN: CRAC Alsace, Francia; La Centrale Électrique, Bruxelas, Bélxica; MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
COMISARIA: Hilde Teerlinck (directora do FRAC Nord Pas de Calais/Dunkerque, Francia).
Descargar todas as imaxes