Escoitar

Benestar Social mellorará a accesibilidade de 15 fogares nos que viven persoas maiores

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentou este xoves o Plan de Atención Domiciliaria co que o Concello quere mellorar este ano a accesibilidade de 15 fogares onde viven persoas maiores de 65 anos soas ou en parella que non superan o salario mínimo interprofesional.

xoves, 30 ago 2007
1188474187mariamendez300807.jpg
María Méndez indicou que a selección das persoas beneficiarias xa está feita atendendo estes criterios e adiantou que as obras de mellora da accesibilidade consistirán en accións como o cambio de bañeiras por pratos de ducha e a colocación de agarradoiras en corredores e baños.

Segundo asegurou a concelleira, Benestar Social conta para levar a cabo estas obras cunha cantidade de 30.000 euros, aos que falta por engadir a achega que realizará a Xunta de Galicia. Méndez indicou que en 2008 a actuación inicial en 15 fogares se estenderá a un número maior de vivendas, para o cal espera dispor dos fondos necesarios no orzamento municipal do ano que vén.

A concelleira de Benestar Social explicou que o obxectivo desta iniciativa é conseguir que as persoas maiores "estean o maior tempo posible no seu contorno", promovendo a súa autonomía persoal e evitando deste xeito o seu desprazamento a residencias de anciáns ou centros de día.

María Méndez aproveitou a presentación deste Plan de Atención Domiciliaria para anunciar que "a partir de agora" as políticas municipais destinadas ás persoas maiores van depender dunha única sección da Concellería que dirixe, na que se incluirán servizos como o de axuda no fogar, os referentes á práctica de deportes, ao tempo de ocio e á vida saudable e os cursos de asociacións de maiores e veciñais.
Descargar todas as imaxes